ALLARIZ

Reatur atendeu a máis de 20.000 turistas o ano pasado

<p></p>
photo_camera Oficina de Turismo de Allariz.

A empresa pública do Concello alaricano acadou en 2016 beneficios por valor de 20.000 euros

A empresa municipal Reatur, encargada de xestionar os servizos turísticos de Allariz, conseguiu pechar o anterior exercicio cun beneficio de 20.000 euros, de xeito que a corporación concluíu 2016 cun patrimonio valorado en dous millóns de euros e unha cifra de negocio que supera os 364.000. Estes datos foronlle comunicados á corporación municipal durante a sesión plenaria celebrada onte.

O resumo recolle tamén o número de persoas atendidas polos traballadores de Reatur, que ascendeu a máis de 20.000 nos diferentes servizos que xestiona. En total, o número de visitantes que demandaron o servizo de guía para coñecer de primeira man a historia e características da vila alaricana superou os 9.000.

Tan só este apartado supuxo un montante de 54.000 euros, unha cantidade que significa un 27% máis que o recadado en 2015. Mentres, o camping e a cafetería xestionados pola empresa municipal deixaron preto de 160.000 euros. Asimesmo, os beneficios acadados polos arrendamentos de baixos comerciais para os negocios da zona outlet acadaron os 100.000 euros.

Todos estes números axudáronlle ó Concello a diminuír en máis de 35.000 euros os préstamos bancarios solicitados para o funcionamento de Reatur, de xeito que quedan pendentes de amortizar 108.000. Segundo sinalou a concelleira Cristina Cid, a débeda do Concello relativa a esta empresa municipal irase reducindo "segundo o previsto", posto que se manteñen "as condicións prestablecidas".

As cifras presentadas onte ante a corporación "certifican", en palabras de Cid, "a consecución dos obxectivos polos que foi creada". A empresa municipal Reatur é a encargada de xestionar as actividades relacionadas co sector turístico en Allariz, que pasan pola equitación, o cámping ou a guía para as excursións e visitas que se acheguen á vila. 

Te puede interesar