INFRAESTRUCTURAS

Remata a obra da nova senda peonil de Allariz

O vial conecta o núcleo do concello coas vivendas de Outeiro de Orraca

Allariz conta xa cunha nova senda peonil na estrada OU-320, ao seu paso polo municipio ourensán. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o alcalde de Allariz, Francisco García, e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, supervisaron esta construcción na que o goberno autonómico investiu 232.000 euros. 

Trátase dun proxecto enmarcado dentro do Plan de Sendas de Galicia que prevé, na provincia de Ourense, a execución de 13 novos camiños, seguros e sostibles aos que o Goberno Galego vai a destinar máis de 2,6 millóns de euros.

Vázquez explicou que o novo camiño, de case dous quilómetros de lonxitude, achega "máis seguridade, maior comodidade e funcionalidade" aos veciños de Allariz, xa que a senda conecta "as vivendas existentes en Outeiro de Orraca co centro urbano da vila". 

Pola marxe esquerda do vial executáronse 150 metros de senda, dando continuidade á beirarrúa existente e, na marxe dereita, construiuse a senda completa ao longo de 1,7 quilómetros, ata o final da travesía de Outeiro de Orraca. 

O proxecto completouse coa construcción dunha rede de recollida de pluviais e coa renovación dun treito da tubaxe de abastecemento. 

A nova senda completa o itinerario peonil de medio quilómetro de lonxitude que se inicia na travesía de Gundiás e remata na intersección coa N-525, e que contou cun investimento por parte da Xunta de 75.000 euros. 

A administración autonómica pretende, con este novo itinerario, favorecer a mobilidade dos veciños, para que poidan realizar os seus desprazamentos cotiás cara o centro da vila, a pé e de xeito seguro.

 Do mesmo xeito, sinalan dende a Xunta que a actuación contribúe a unha "maior integración urbana" ao reforzar as comunicacións entre os principais núcleos de poboación e aposta por unha "mobilidade máis respectuosa co medio". 

Te puede interesar