ALLARIZ

Sábado de "seitura" en Queiroás

Segadores e ateiros reuníronse na finca de Penarredonda para festexar a primeira xornada do tradicional ciclo do pan, con "paparota" incluida

 

Os veciños de Queiróas da Igrexa, no concello de Allariz, amaneceron onte cunha intensa xornada de traballo por diante. A praza da Petouquiña serviu como punto de encontro para segadores e ateiros, que comezaron o día cuns pinchos para coller enerxía. Así, ao redor das 10,00 horas, a finca da Penarredonda converteuse no escenario da "seitura", a primeira fase da XVI Ciclo do pan.

Esta iniciativa, organizada polo grupo Espiga Mallada, coa colaboración do concello de Allariz, busca cada verán revivir a vella tradición e facer partícipe aos máis novos da zona. Trala sega tocou un pequeno pincho compartido no que participaron traballadores, axudantes e visitantes.

A mediodía comezou o enmendado de mollos, no que os ateiros amosaron a súa arte coa palla para deixar as diferentes medas ben colocadiñas no eido.

A xornada laboral rematou dúas horas máis tarde cun xantar popular na Bidueira do Kiko, un lugar "espectacular", en palabras de José Manuel González, de Espiga Mallada. Na comida participaron ao redor de 190 persoas que gozaron da gastronomía e da boa compañía. "Un día moi tranquilo e agradable para pasar á sombra dos bidueiros", resalta González. Xa pola tarde, tempo de bailar para baixar a "paparota" a ritmo do grupo De Pé Feito. A próxima cita, "a malla", o 4 de agosto. 

Te puede interesar