CON BASTÓN DE MANDO

Xabier Oviedo: "Temos gran potencial no ámbito forestal"

23.04.15.MACEDA.CASTELO.XAVIER.OVIEDO.ALCALDE.E.CANDIDATO.DE.CXG.
photo_camera A fotografía e o castelo de Maceda, dúas das paixóns do alcalde Xabier Oviedo.

A mellora da calidade de vida dos veciños de Maceda marca o proxecto municipal de Compromiso por Galicia na vila, como apunta o actual alcalde Xabier Oviedo

A mellora da calidade de vida dos veciños de Maceda marca o proxecto municipal de Compromiso por Galicia na vila, cuxo rexidor aspira a revalidar a maioría para acadar novos servizos como o centro de día, a escola infantil ou chan industrial para ofertar ás empresas.

Que balance fai destes anos?

Foron tempos moi complicados porque desde o inicio da lexislatura entramos nunha crise que se foi agravando. Nós tivemos que facer 'virguerías' para sacar o Concello adiante e ir pagando as débedas coas que nos atopamos ao entrar e que xa finiquitamos. Temos a economía saneada e o prazo de pago a provedores a 25 días. Como político, esta situación é un pouco frustrante, porque tes ideas, proxectos para levar adiante pero con esta crise resulta moi complicado, porque non tes axudas doutras administracións. Tamén hai servizos elementais como as estradas, que necesitan melloras, pero non tes economía abondo para abarcar todo o que quixeras.

Cales son as iniciativas que puxestes en marcha nestes anos?

Algo fundamental foi o tema das enerxías alternativas. Fixemos unha reforma do alumeado por outro máis eficiente, ganando en luminosidade e aforrando na factura. Para min como rexedor é moi importante que os veciños non se visen na penumbra, sobre todo no rural. Tamén instalamos placas solares no pabellón e na piscina, que xeran enerxía abondo para ter auga quente, cambiamos a caldeira de gasoil para a calefacción do concello por unha de biomasa e reclamamos o cobro da reactiva a Fenosa, que xa nos devolveu 30.000 euros. Foi unha xestión custosa, porque tes que informarte, moverte, pedir orzamentos,... pero merece a pena. Cando hai unha crise, hai que buscar enerxías alternativas. Tamén estamos acabando o abastecemento do rural. É un servizo necesario, pero polo custo fómolo executando por tramos.

Cal é a súa maior preocupación?

A despoboación. Os nacementos non van ao mesmo ritmo que o envellece- mento e temos que ofertar servizos aos veciños para crecer en poboación. Por eso queremos volver a promo- ver a vivenda pública a baixo custo.

Que proxectos lle gustaría sacar adiante se segue na alcaldía?

A apertura do centro de día ou a posta en marcha dunha escola infantil acorde as necesidades dos nosos cativos. Temos un punto de atención continuada nos baixos do Concello con 60 nenos, pero gustaríanos mellorar as instalacións. Xa firmaramos co bipartito un acordo para a construción dunha nova escola, pero non se executou. Neste punto e á vista do peche do centro social (hai tres anos), nos viría moi ben a cesión do inmoble para albergar alí aos nenos. Penso que é mellor reformar un edificio que construír un novo. O urbanismo sostible é outro punto que temos por riba da mesa e tamén apoiar ao comercio, coa organización dunha gran feira que sexa un referente anual, posiblemente gandeira.

Cales son as vosas potencialidades?

Temos un gran potencial no ámbito forestal, por toda a serra, e que se está desaproveitando. É certo que a xente empeza a verlle o potencial e efecti- vamente o desemprego nas cidades fixo que a xente buscara alternativas recuperando as fincas dos pais e avós. Tamén temos que seguir apostando polo turismo, estamos ao lado do macizo central e temos un castelo medieval que ten que ser un referente, sen esquecer o noso Entroido, declarado de interese turístico.

E as deficiencias?

Queremos acadar chan empresarial, non unha gran área, pero si establecer unha zona que ofertar ás empresas de Maceda que queiran ampliar as súas instalacións e tamén as da fóra, porque somos un concello moi ben situado.

Te puede interesar