INCENDIOS FORESTAIS

Os alcaldes do Xurés temen un verán duro polos incendios

Incendio en Entrimo

8-9-16
photo_camera Monte arrasado en Entrimo durante os incendios de setembro do ano pasado.

A Baixa Limia contará con oito brigadas municipais para loitar contra o lume no parque natural

As escasas precipitacións caídas durante o inverno e o que levamos de primavera fan que o verán se presente "complicado" no que a incendios se refire para o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Nisto coinciden os rexedores da zona, que agardan a que os seus augurios non se cumpran, se ben a experiencia de anos anteriores fai que afronten esta campaña con certo temor. 

En calquera caso, serán oito as brigadas municipais dispostas na zona, que se reforzará en caso de necesidade cos propios efectivos da Consellería de Medio Rural. Dúas brigadas en Lobios, dúas en Entrimo e outras tantas en Bande e Muíños serán as encargadas de velar pola integridade do parque -Lobeira non contará con estes medios-. "Dada a sequía deste ano, vamos ter esperanzas para que ninguén provoque o do ano pasado", segundo apunta o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, pois só no lume declarado en Entrimo no mes de setembro de 2016 arderon un total de 800 hectáreas dos terreos protexidos. 

O mesmo lembra a alcaldesa de Lobios, Mari Carmen Yáñez, asegurando que "se non chove a tempada vai ser difícil", se ben incide en que ademais "temos a problemática de Portugal", posto que é habitual que varios dos lumes partan do outro lado da fronteira. O rexedor de Bande, José Antonio Armada, pronúnciase nos mesmos termos recordando que "no que vai de ano xa tivemos uns seis incendios" no seu municipio. "Espero equivocarme, pero con estas condicións climatolóxicas preséntasenos un verán duro", lamenta. 

O propio alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, asegura que, ante o panorama previsto e cos antecedentes sufridos nos concellos que forman parte do parque natural do Xurés, "non nos queda moito máis que pedir que chova". Pola súa banda, para o alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias, o problema da falla de choivas xa non só lle parece preocupante á hora de loitar co lume senón que "tamén temos a preocupación polo futuro suministro de auga potable". 

Sen embargo, dende a Xunta de Galicia non consideran que a escasez de precipitacións poida facer deste un verán peor que outros porque "tres de cada catro incendios son intencionados", segundo precisan fontes da Consellería de Medio Rural, sinalando deste xeito  que a falla de choivas non condicionará un incremento dos lumes forestais

Co obxectivo de evitar que os dramáticos augurios dos alcaldes da Baixa Limia se cumpran, Plácido Álvarez apela a "que tódalas institucións colaboremos para que o parque teña un plan de prevención de incendios, non só de extinción". 

Os traballos municipais pasan, como tamén indica José Antonio Armada, por manter as pistas limpas e tratar de xestionar os traballos de desbroce das fincas, pero "este é un tema de todos, h ai que aplicar medicina preventiva", en palabras de Plácido Álvarez, lembrando que "o Xurés é unha zona singular que debería recibir un tratamento tamén singular". Con todo, os cinco rexedores da comarca animan a "pensar en positivo" e agardar a que, non só a meteoroloxía axude, senón, sobre todo, a que os incendiarios non actúen.

Reclamación dun plan específico para o parque

A pesar  de ser unha zona cunha alta afluencia turística, así como unha grande riqueza biolóxica, o parque do Xurés adoita sufrir incendios tódolos anos e este verán non volverá contar con ningún plan específico de prevención segundo confirma Medio Rural. Esta é unha das reivindicacións máis repetidas polos alcaldes da zona, tal e como puntualiza Ramón Alonso dende Entrimo. "Levamos tempo pedíndolle á Xunta que tome medidas especiais para os parques naturais", posto que o propio Xurés conta só cunha brigada de limpeza que se mantén todo o ano. 

Te puede interesar