PATRIMONIO

Bande acolle unha xornada para potenciar a Vía Nova

06.07.10.LOBIOS.MILIARIOS DA CALZADA ROMANA.
photo_camera Miliarios na calzada romana da Vía Nova ao seu paso polo Concello de Lobios.

Incluirá ponencias e debates con expertos e un roteiro pola calzada romana

O salón de actos da Casa do Concello de Bande acollerá o próximo sábado, día 29 de maio, unha xornada informativa e de debate  para potenciar a Vía Nova como Camiño de Europa. Esta actividade esta impulsada pola eurodiputada galega Lidia Senra, en colaboración coa Asociación de Montaña Arnau.

A xornada, de acceso aberto, pretende reflexionar, segundo apuntan os organizadores, sobre a posta en valor da Vía Nova, "un camiño primitivo de enorme valor patrimonial e cultural que debería ser coidado e aprezado xa non só en Galicia, senón en toda Europa", asegura Lidia Senra. Así, diferentes asociacións ao longo de moitos lugares polos que pasa a Vía, desde Portugal ata a  Baixa Limia, Celanova, o Alto Arnoia, Terras de Caldelas, Trives, Valdeorras e o Bierzo, levan tempo traballando na promoción deste camiño e da súa recuperación, co horizonte de reclamar que sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Neste contexto se enmarca a celebración da xornada en Bande, que comezará ás 09,30 horas coa intervención da eurodeputada Lidia Senra. Ás 10,15 horas celebrarase a primeira mesa temática, coa intervención de Santiago Ferrer, arqueólogo valdeorrés pertencente ao Grupo Arqueolóxico Larouco; Manuel García Valdeoras, arqueólogo da Limia, e Manuel Rivero Pérez, antropólogo. David Pérez, arqueólogo da Asociación Arnau, será o encargado de moderar as intervencións.

A segunda mesa de debate da xornada terá lugar ás 12,00 horas, e leva por título "Na procura dun futuro viable para a Vía Nova". Nela interviránMarta Delgado, do colectivo Mira Xurés; Toño Monteiro, escultor e membro da Asociacion Xuresianos-Geresianos; e Xavier Perdiz, presidente da Asociación de Montaña Arnau, actuando como moderador o parlamentario galego Davide Rodríguez.

Xa pola tarde, a partir das 16,00 horas, os participantes e asistentes á xornada que o desexen poderán facer un percorrido a pé pola Vía Nova. O punto de partida do roteiro serán os Miliarios Romanos da Ponte Nova. O traxecto  comprenderá ao redor de tres quilçómetros, con diferentes paradas explicativas ao longo do percorrido.

Te puede interesar