PARQUE NATURAL

Colectivos da comarca da Baixa Limia critican os prazos das axudas da Xunta

Denuncian o axustado prazo de execución que estableceu a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para acceder ás axudas para actuacións no Parque Natural.

Quince colectivos da Baixa Limia denuncian o axustado prazo de execución que estableceu a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para acceder ás axudas aprobadas para actuacións no Parque Natural. Sinalan que os solicitantes so dispoñen dende o 30 de novembro, data na que se empezaron a recibir as primeiras cartas de aprobación dos proxectos, ata o 13 de decembro do 2016 para achegar a documentación requirida. 


Un total de oito días laborables nos que, segundo estes colectivos, deben realizar e xustificar máis do cincuenta por cento dos traballos  aprobados e dotados de financiamento. Trátase dun requisito que estas agrupacións dos concellos de Lobios, Muíños e Entrimo  consideran "prácticamente imposible de cumprir". Afirman que moitos solicitantes non teñen capacidade para executar unha porcentaxe tan elevada dos proxectos en tan pouco tempo. Por contra, poñen de manifiesto que a situación doutros traballos é ben diferente, xa que contan ata o 15 de xuño do 2017 para presentar a mesma documentación.
Os afectados están valorando a posibilidade de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar que a Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, se achegue ata o Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés para dar explicacións do acontecido nunha reunión aberta  aos  veciños e veciñas implicados.

Te puede interesar