CELEBRACIÓN

O Couto Mixto rendiu homenaxe á música e ás Irmandades da Fala

photo_camera Asistentes na igrexa de Santiago de Rubiás ao acto de nomeamento de novos xuices honorarios do Couto Mixto.

A reivindicación da singularidade do territorio presidiu a cerimonia de nomeamento dos novos Xuíces Honorarios

"O camiño de volta a casa é longo, pero xa se sabe que as raíces dos galegos son elásticas e nunca perdemos o rego", dixo Carme Penim, música, filla de Meaus, unha das novas xuízas honorarias do Couto Mixto, onte na Igrexa de Santiago en Rubiás, fronte a arca aberta polas tres chaves das freguesías que a custodian, diante de políticos e académicos, diante da veciñanza, dos que "mamaron a forza da pedra, dos penedos, destas augas e destes aires".

Foi un discurso fermoso e rexo, adicado "ás mulleres fortes desta doce terra indómita", no que Penim -honrada xunto a seu compañeiro Maurizio Polsinelli, o dúo 2nafronteira, como cantores do Couto- chamou a "tomar conciencia do valor da vida e da cultura rural" e a reclamar "o dereito" a vivir aquí, na casa, de volta. E así tomou a distinción, coma "una porta aberta ao regreso, coma un convite a fe e a esperanza, porque é posible volver i é posible quedar".

Os profesores Belén Piñeiro e Américo Peres recibiron o bastón, a réplica da arca e o documento que acredita á Asociación Galego-Portuguesa de profesores pola paz como novo Xuíz Honorario. Ambos reivindicaron tamén a singularidade do Couto Mixto en prol do "ben común". Os máximos representantes das vilas de Valença (Jorge Mendes) e Tui (Enrique Cabaleiro) recolleron a encomenda para a Eurocidade Tui-Valença. Foi no acto solemne na vella igrexa e despois, no adro, chantouse un ciprés a carón da estatua de Delfín Modesto Brandón, o derradeiro xuíz do Couto Mixto.

A Asociación de Amigos quixo deixar constancia, no ano do centenario das Irmandades da Fala, do agradecemento a aquelas mulleres e homes que en 1918, desde Lugo, reclamaron para os veciños desta terra de encontro o privilexio de non ter que usar documentación para cruzar a raia. As Irmandades, inspiraron unha das reivindicacións da xornada: que se lles conceda a dobre nacionalidade aos habitantes das aldeas que conforman o Couto Mixto. A outra ten que ver coa reactivación económica da zona. Os Amigos do Couto Mixto recordan á Xunta de Galicia que a Lei do Patrimonio Cultural permite sinalar a determinadas áreas como Territorio Histórico. Non hai ningún por agora en Galicia. 

Pero a raíña do día na república do Couto Mixto era a música. Aquí se atoparon os Gaiteiros da Raia e os de Pitöes, Os Rampeiros da Baixa Limia e as Pandereteiras de Laroá, as Xeitosiñas e Trouleiros e as de Canteralai. Vellas amigas. "Vémonos moito aquí e acolá", dixo David, dos da Raia, "temos moito en común, inda que eles (os dalá) andan grupos pequenos e nos somos case trinta". "Hai diferenzas", apunta Manuel, dos Rampeiros, "pero ímonos fusionando"; outro xeito de volver a casa. 

Cita de políticos, académicos e empresarios

A Asociación de Amigos do Couto Mixto ten conseguido nestes anos atraer a boa parte da sociedade política e académica ourensá, mesmo tamén empresarial. Coa capa honoraria andaban onte os profesores Xosé Manuel Cid Fernández e Xosé Rodríguez Cruz, o xurista Carlos Varela, o empresario Francisco Novoa e o senador Luís García Mañá (presidente da asociación), quen desde o estrado saudou a súa homónima Carmen Leyte, sentada xunto a Rosendo Fernández. Entre os encargados de entregar a encomenda aos novos xuíces estiveron os alcaldes de Calvos de Randín e de Baltar, mentres Carvalho de Moura (que o foi de Montalegre) pasou a primeira hora a saudar, tiña outra cita doutro lado da raia. 

Te puede interesar