Entrimo, no Programa de Vivendas Baleiras

Colaborará cunha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social a familias desfavorecidas

O Concello de Entrimo sumarase ao Programa de Vivendas Baleiras que promove a Xunta e que ten como obxectivo destinar os inmobles desocupados do Concello a alugueiro social para familias en dificultades. A Consellería de Infraestruturas remitíulle onte ao Concello o convenio, xa asinado pola conselleira, Ethel Vázquez, para que sexa asinado tamén polo alcalde, co que quedará formalizada a integración.

Segundo sinala a Xunta, neste momento son xa 41 os municipios, dos que cinco están na provincia de Ourense, que forman parte deste Programa, que ten como finalidade crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando os inmobles de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitados, contando para isto coa colaboración das administracións locais.

O convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer de 250 euros, no caso do Concello de Entrimo, e a contía final virá determinada polas características da vivenda e as circunstancias particulares dos beneficiarios, de forma que o alugueiro resulte de interese tanto para o arrendador como para o arrendatario. As vivendas estarán aseguradas pola Xunta mediante un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica.

Te puede interesar