CON BASTÓN DE MANDO / ALCALDE DE BANDE

José Antonio Armada: “Hai recursos naturais para xerar emprego"

20.03.15.CELANOVA.CAMPO.DE.FUTBOL.JOSE.ANTONIO.ARMADA.ALCALDE.DE.BANDE.E.PRESIDENDE.DO.CLUB.DE.FUTBOL.
photo_camera José Antonio Armada, non se perde un partido do Bande.

O "popular" José Antonio Armada tratará o vindeiro 24 de maio revalidar a presidencia do Concello de Bande, cargo que ostenta dende o ano 2007

O "popular" José Antonio Armada tratará o vindeiro 24 de maio revalidar a presidencia do Concello de Bande, cargo que ostenta dende o ano 2007. Frear a perda de poboación, que para as vindeiras eleccións le farán pasar de 11 a nove concelleiros, é unha das principais preocupacións do rexedor que aposta por proxectos realistas que xeren emprego e riqueza no rural: aproveitamento agroforestal, termalismo e medio ambiente.

Cómo está Bande?

Agora mesmo Bande é unha vila que, atendendo aos datos que presenta, como calquera outra do rural, enfróntase a unha serie de problemas derivados da situación destes últimos anos, a perda de poboación, dispersión xeográfica. E o que nós temos que facer é analizar e sobre todo tomar medidas de xeito inmediato para intentar solventalos da mellor forma posible co obxectivo de crear emprego e fixar poboación.

Qué tipo de medidas?

Alternativas polas que xa nos empezamos a preocupar durante esta lexislatura con programas de formación e xornadas para atopar proxectos reais para implantar no rural. Aquí, desgraciadamente, non contamos cun polígono industrial, pero si cunha serie de recursos naturais e patrimoniais que entendemos que poden ser xeradores de riqueza e de emprego: o mel, os aproveitamentos forestais e tamén patrimonial, co turimo e o termalismo. Outra das nosas preocupacións é o comercio. A nosa prioridade será intentar relanzar o comercio local, porque o consideramos unha peza fundamental para o futuro desenvolvemento da vila. Para iso imos xuntarnos con eles e tomar medidas conxuntas, pero xa podo adiantar que relanzaremos a praza de abastos (hoxe en desuso) como un espazo para que os produtores hortícolas poidan canalizar as súas ventas.

A crise non provocou o ansiado regreso de familias ao rural?

Non tanto que viñesen, que algunha o fixo, senón que a xente maior está facendo un esforzo para axudar a eses familiares que están nun estado de necesidade e non só economicamente.

Á vista da situación de perda de poboación, será inevitable unha fusión de concellos na comarca?

Eu creo, e así estámolo facendo tanto os concellos coma a Deputación, que o presente e o futuro pasa pola fusión de servizos. Ao ofertar as prestación de forma mancomunada non se perde nin a firma xurídica nin a identidade de cada un e á vez, pódese chegar a máis xente, auméntase a calidade e redúcense os custos. Iso é así e os números aválano.

Cumpriu as expectativas destes catro anos?

Sempre quedan cousas, pero logramos sacar adiante proxectos importantes, como a apertura do albergue, o centro de día, coa implicación da iniciativa privada, a recuperación do río Badella, o impulso ao termalismo ou as melloras na rede viaria, incluído o acceso a Porto Quintela.

A contaminación das Conchas foi unha grande preocupación

E o sigue sendo. Pero agora mesmo hai unha preocupación compartida coa Confederación Hidrográfica que, dende que está este novo presidente, se plasmou non en palabras, senón en feitos e cun respaldo económico co que tratar de mitigar o problema.

Que plans ten para o futuro?

Hoxe en día os proxectos e edificios que se fagan teñen que ser sostibles e dar resposta á realidade. Nesa línea queremos recuperar a praza de abastos e rematar a casa do Baño, mellorar o entorno da igrexa visigótica de Santa Comba, crear un área de autocaravanas e aparcamento en Porto Quintela, seguir mellorando a rede viaria e reformando o alumeado por outro máis eficiente e, realizar por fin, si os prazos o permiten, o plan de desenvolvemento da explotación termal de O Baño. Outro obxectivo sería darlle ese uso social á Casa da Mariluz (edificio municipal baleiro que fai esquina na rúa Mestre Taibo). Son 1.000 metros cadrados, onde trataremos de dimensionar e dar saída a esas necesidades de tipo social, dende acoller os servizos sociais ata crear nel un lugar de acollemento para xente de escasos recursos.

E que papel xoga o parque natural no futuro do municipio?

Agora mesmo, mal que me pese dicilo, temos unha decisión anecdótica. O nivel de investimento ou a repercusión que tivo a declaración de parque natural no territorio non se notou. Houbo unha serie de investimentos moi puntuais, pero lóxicamente a unha poboación á que se lle limita determinados usos e alternativas de futuro, se lle ten que compensar dalgún xeito. E como tal, seguiremos demandándoo á Administración. A implicación veciñal é fundamental e para conseguila ten que haber un guiño por parte da Administración.
 

Te puede interesar