OS BLANCOS

Tres novos xuíces honorarios coidan do Couto Mixto

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que acadou o título no 2017, explicou que esta zona "representa para galegos e portugueses o valor da democracia e da convivencia entre dous pobos irmáns pola lingua, pola historia e pola cultura”

Tres novos xuíces honorarios coidan do Couto Mixto

A Asociación Amigos do Couto Mixto nomeu este sábado a tres novos xuíces honorarios. Trátase dos presidentes das freguesías portuguesas de Soutelinho, Lamadarcos e Cambedo.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que fora nomeado el mesmo xuíz honorario en 2017, participou no acto e deulles os parabéns e a benvida aos novos xuíces. Aproveitou para recordarlles que “O Couto Mixto representa para galegos e portugueses o valor da democracia e da convivencia entre dous pobos irmáns pola lingua, pola historia e pola cultura”.

Xunto co nomeamento dos novos xuíces, celebrouse a escenificación das reunións que se celebraban antigamente no Couto Mixto, así como o encontro anual dos membros da Asociación de Amigos do Couto Mixto, convocante do acto. Tras el, os asistentes asistiron á actuación da cantante Uxía.


Un microestado


O Couto Mixto foi unha entidade política, comparable a un microestado independente, situado no val do río Salas e constituído polas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus, pertencentes aos concellos de Calvos e Randín e de Baltar.

En tempo das monarquías feudais, o Couto Mixto elixía por sufraxio directo dos representantes das casas o seu rexedor (xuíz) polo tempo de tres anos. Outros privilexios desta entidade singular eran o poder elixir a nacionalidade española ou portuguesa, dar asilo aos fuxidos da xustiza de España e de Portugal, non aportar soldados nin pagar impostos a ningún destes reinos ou ter liberdade de comercio e de cultivos.

Coa firma do Tratado de Lisboa (1868) os dominios do Couto Mixto quedaron baixo a soberanía de España. En contrapartida, pasaron á soberanía portuguesa as poboacións de Soutelinho, Lamadarcos e Cambedo, cuxos presidentes foron nomeados hoxe xuíces honorarios pola Asociación de Amigos do Couto Mixto.