CON BASTÓN DE MANDO

Plácido Álvarez: “O río Limia non pode ser un vertedoiro"

photo_camera Plácido Álvarez leva 20 anos á fronte do Concello de Muíños.

Plácido Álvarez Dobaño cumpre 20 anos á fronte do Concello de Muíños coa mesma ilusión e compromiso cos seus veciños que tiña cando se presentou por vez primeira no 1995.

Plácido Álvarez Dobaño cumpre 20 anos á fronte do Concello de Muíños coa mesma ilusión e compromiso cos seus veciños que tiña cando se presentou por vez primeira no 1995. Nas pasadas eleccións o PP foi o único partido con representación na Corporación, unha confianza da cidadanía que espera revalidar o vindeiro 24 de maio.


Que balance fai destes catro anos?

En xeral, e a pesares das gravísimas dificultades que atravesamos tódalas administracións e especialmente os concellos, estou relativamente satisfeito. Creo que humildemente conseguimos manter os servizos públicos básicos e un nivel de inversións considerable, o que nos permitiu dinamizar, non o que quixeramos, algo a vida do Concello.

Cales foron as actuacións mais salientables?

Os 38 núcleos de poboación teñen servizos básicos (saneamento, abastecemento, alumeado e un acceso digno), recuperamos a arquitectura popular tradicional con fornos, fontes, antigas escolas para locais sociais, construímos a Porta do Xurés e puxemos en marcha un dos tres centros de BTT de Galicia. Tamén está a residencia e centro de día, unha obra e servizo largamente esperado, que tivo moitas dificultades e despois dunha época de crise como a que pasamos, foi moi relevante o feito de ser capaces de poñela en marcha polo ben e en beneficio dos nosos maiores. E non só eso, senón tamén polo emprego que iso xerou, pois agora mesmo creo que están traballando 12 persoas.

Cales serían as potencialidades do Concello?

Destacaría sen lugar a dúbidas o sector forestal, que está por explotar e que debería ter máis implicacións das administracións con competencias no sector. Somos unha zona privilexiada e creo que habería que facer un esforzo importante. Sería bo para conservar o noso patrimonio natural e tamén para xerar emprego. Tamén diría, aínda que non está tan de moda, a gandaría extensiva. Quizás non como un sector de especial transcendencia para a economía do Concello, pero si para unhas cantas familias. E como non, o turismo rural. Creo que somos unha zona, Muíños en particular e a Baixa Limia en xeral, de relevancia na Galicia interior. Creo que xa temos un nome, pero penso que hai que seguir mellorando. A ver si somos capaces de que este turismo non sexa tan estacional e sexa máis duradeiro ao longo do ano.

Que papel xoga o Parque do Xurés no desenvolvemento turístico da comarca?

Eu son especialmente crítico co que está a pasar arredor do parque. Fai falta que o parque esperte e máis trala declaración da Reserva da Biosfera Gerés-Xurés, para a cal anda un plan por aí. Pero eu creo que xa está ben de proxectos. É o momento de falar de realidades, porque a xente está cansa de oír facer, facer, facer,... e logo non coidamos nin o que xa temos. Por exemplo, Salgueiros.

A contaminación do encoro das Conchas será outra das súas preocupacións, non si?

Entre as materias pendentes seguirei pelexando para que esa contaminación, que ven de anos atrás polo abandono na Limia, se free e esto sexa o que ten que ser: un encoro con auga limpa e sen contaminar. O problema das Conchas está augas arriba e vinculado, directa ou indirectamente, co feito de que dez concellos da Limia verten no río ou nos canles que conflúen no mesmo. Os concellos teñen que facer o seu cometido coas augas residuais e os agricultores e gandeiros, concienciarse de que o medio ambiente é de todos. O Limia non pode ser un vertedoiro controlado. Seamos todos responsables, cada un onde lle toque. 


E cales cre que son as debilidades, aqueles aspectos onde hai que mellorar?

Ou facemos algo todos, cada un na parcela que lle toca para evitar a despoboación do rural, ou esto se queda como un deserto verde. Temos que dinamizar os nosos sectores e que a xente non se teña que marchar a outros países. Deixarse de palabras. E creo que lle toca a outras administracións que, polo que se ve, orientan máis as inversións nas zonas poboadas que no interior. Somos as denominadas zonas de gran protección, de obxectivo 1 para Europa, e logo resulta que os fondos europeos se gastan na costa. Creo que as federacións de municipios teñen moito que dicir.

E cales son as súas propostas para o futuro?

Mellorar a estrada que comunica Farnadeiros-Barxes ata enlazar coa OU-540 e logo rematar a de Bande a Muíños, para a que xa temos outro investimento de 200.000 euros. Tamén queremos avanzar na dotación dunha área industrial en Barxés, seguir loitando pola construción dunha pasarela peonil no Corgo, a declaración do Concello como municipio turístico e tamén termal, coa construción dunha aldea termal no Corgo. Outra das nosas preocupacións será o fomento do emprego, especialmente o xuvenil, e o mantemento e ampliación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal.

Te puede interesar