BAIXA LIMIA

Os socialistas de Lobios reclaman o arranxo dos danos polo lume

Consideran inaceptable que a alcaldesa renunciara á axuda da Xunta de Galicia polos incendios

O PSdeG de Lobios considera inaceptables as explicacións da alcaldesa á hora de recoñecer que non fixo nada para reparar os danos dos lumes que padeceu o municipio hai un ano. A alcaldesa "popular", Mari Carmen Yáñez, afirman os socialistas que minimizou a importancia dos danos causados polos incendios que afectaron a 4.000 hectáreas entre os concellos de Lobios e o de Muíños e "recoñeceu a renuncia á achega económica da Xunta para este fin".

Juan Manuel Ferreira, portavoz municipal deste grupo, cualifica a situación de, “inaceptable porque a alcaldesa esgrime que non ten recursos para adiantar os cartos e recibir a axuda autonómica cando somos un concello con solvencia económica e un orzamento de máis de un millón e medio de euros que nos permitiría achegar unha cantidade que se vai recuperar cando chegue a axuda do Estado”. Desde o grupo socialista tamén se refiren "á incongruencia posto que ao tempo que di non ter os recursos para co-financiar as obras de reparación dos danos causados, valoradas en 120.000 euros, engade que xa se irán arranxando con medios propios e coa axuda da Deputación de Ourense".

O PSdeG considera grave a decisión tomada pola rexedora de Lobios, sobre todo ao afirmar que non considera que haxa nada urxente que reparar.

Por isto, lembra este grupo da oposición que "nun concello eminentemente rural como Lobios, o arranxo dunhas pistas é algo completamente prioritario, sobre todo de cara a previr os futuros lumes cos que todos os anos se enfronta a veciñanza, por non falar do seu uso como vía de acceso".

Conclúen manifestando que pedirán explicacións no vindeiro pleno sobre esta decisión que afecta á veciñanza e pospón uns arranxos que consideran son prioritarios.

Te puede interesar