crónica

Os vellos oficios chegan á aula

bande
photo_camera Xoán Carlos Domínguez posa cos alumnos dos centros de Bande na biblioteca do "Xocas".

Dar a coñecer as diferentes posibilidades que ofrecen os vellos oficios para os mozos da comarca é o obxectivo do "Encontro de Cultura Popular" que esta semana celébrase en Bande e que terá a Manuel Rivas como invitado de honra.
 

Os vellos oficios tradicionais colaranse esta semana nas aulas do colexio Xoaquín Lourenzo "Xocas" e do IES Aquis Querquenis de Bande con motivo da celebración do primeiro encontro de cultura galega popular.

A actividade está organizada polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e das bibliotecas de ambos centros, máis o Club de lectura do IES Aquis Querquernis. "En 2019 a ONU conmemora o Ano Internacional das Linguas Indíxenas e , a celebración das Letras Galegas este ano, recoñece na obra de Antón Fraguas o valor da cultura tradicional galega", lembraba na súa presentación o mestre e escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte quen recoñecía que, con estes obradoiros, quérese traballar nunha múltiple dimensión: oficios que viven, perviven ou reviven o mundo rural –e a súa aplicación na actualidade–, a expresión artística e musical e a escrita literaria.

"Para o colexio é importante colaborar co IES neste evento, aínda que é algo que facemos de xeito habitual", engadía a directora do CEIP Xoaquín Lourenzo Xocas, quen engadía que "os oficios do rural pérdense e este encontro é unha forma de recuperar parte do noso patrimonio e da nosa cultura".

A cesteira Olga Dorado, o ferreiro Breogán Pérez ou o mestre das estrugas Martín Álvarez levarán o seu arte e oficio ás aulas nun intento de visibilizar mostras de diferentes manifestacións culturais e a súa interdependencia coa lingua galega. A do venres será unha xornada moi especial que xirará en torno á figura de Manuel Rivas, quen tivo a ben aceptar a invitación feita dende a Baixa Limia.

O encontro co escritor, que se sucederá a cabalo entre as dúas bibliotecas, incluirá recitais musicais, espectáculos poético-musicais, contacontos ou a proxección dun audiovisual, todos eles inspirados na figura e na obra de Manuel Rivas, e algunha que outra sorpresa.

Te puede interesar