CELANOVA

A actuación na nova avenida de Celanova superará os 2 millóns

O pleno ratificou por unanimidade o acordo coa circunvalación e mellora da avenida de Madrid 

A Corporación municipal de Xinzo reuniuse este xoves nun pleno de carácter extraordinario e urxente. O motivo da celeridade foi aprobar o convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Xinzo para o acondicionamento da OU-532 -a avenida de Celanova-, a mellora de viais municipais e o cambio de titularidade dalgúns deles. Neste senso, o polémico proxecto terá, finalmente, un custo total de 2.018.000 euros xa que inclurá a nova circunvalación da localidade e a mellora dunha das marxes da avenida de Madrid, na que se investirán 10.000 euros. A mala noticia será, unha vez máis, o retraso no inicio das obras, que non comezarán ata o vindeiro ano 2019. Está previsto, segundo o rexedor local Manuel Cabas, que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, se achegue á localidade limiá para a firma do acordo definitivo. 

Na avenida de Celanova se reformará o treito urbano e se limitará o tráfico nun sentido -resolvendo a circulación no inverso, pola vía de servizo-. As protestas veciñais contra a eliminación dos plátanos centenarios repartidos ao longo deste vial que se contemplaba nun primeiro proxecto derivaron nunha reformulación do mesmo e, por ende, un retraso na súa tramitación. Sen embargo, grazas a estes cambios, logrouse incluir o acondicionamento de varios viais para conformar unha nova circunvalación que liberará e mellorará o tráfico na capital da Limia. 

Por outra banda, o convenio tamén contempla a asunción, por parte do ente local, dos treitos máis urbanos das estradas autonómicas OU-531 e OU-301. Ademais, a Xunta farase cargo dunha parte dun vial municipal co obxectivo de unir a OU-531 coa N-525 dun modo máis directo e con maior funcionalidade. O documento foi aprobado por unanimidade.


Futuras reunións cos veciños da vila 


O rexedor local, Manuel Cabas, comprometeuse a manter varias reunións cos veciños de Xinzo e, principalmente, cos que viven na avenida de Celanova para recoller "propostas e melloras" que se poidan incluir neste proxecto. Dende a oposición limiá, malia amosar en pleno o seu apoio a este convenio criticaron, dunha banda, o atraso na súa tramitación e, pola outra, o feito de non ter sido "mais ambiciosos". "Perdemos a oportunidade de facer un sentido único, que é o que é a tendencia nestes momentos", apuntou Manuel Pérez. "Deben facer un exercicio de información e amosar aos veciños o proxecto para que fagan as súas alegacións", pediron Elvira Lama e Ramiro Rodríguez. 

Te puede interesar