CELANOVA

O alcalde de Ramirás busca acordos para as concellerías

_nueva_imagen_result
photo_camera José Carlos Rodríguez, no seu despacho

José Carlos Rodríguez sinala ó desemprego e ó despoboamento como os principais problemas

José Carlos Rodríguez tomou o bastón de mando do Concello de Ramirás de mans de Pilar Otilia López, que o ostentou durante 40 anos. Estes primeiros días ó fronte da alcaldía foron, sobre todo, “rápidos”, se ben o obxectivo primordial tralo traslado de poderes era “que o Concello non parase” para que os veciños non sentiran nin a máis mínima repercusión como consecuencia deste cambio.

Polo de agora, José Carlos Rodríguez está centrado na formación dun novo grupo de goberno, algo para o que “teño que falar coa oposición porque, ó estar en minoría, temos que chegar a puntos de acordo para formar as concellerías e poder seguir traballando”.

En calquera caso, o rexedor de Ramirás non é un descoñecido no municipio, pois levaba xa 12 anos como tenente alcalde. Deste xeito, non ten precisado polo de agora axuda da anterior alcaldesa, que optou por non seguir achegada ós labores municipais, pero “sei que se algún consello necesito, ela vai estar aí”. En calquera caso, “non me ten feito falta porque deixou o Concello moi ben e teño un moi bo equipo de traballadores”.

A pesar de que a súa cara non é descoñecida, “os veciños téñenme ubicado dentro do Concello, pero nunca no despacho”. Por iso, un dos obxectivos que se marca para este mandato “é cambiarlle un pouco o chip á xente” para que se acostumen a el coma o rexedor.

Do mesmo xeito, os seus esforzos centraranse en temas tan preocupantes coma o desemprego ou a despoboación. “Aínda que son temas que poden non depender directamente do Concello senón das políticas tomadas polas administracións central e autonómica” e, nese sentido, a misión de José Carlos Rodríguez é “saber coller e aproveitar esas medidas para trasladalas ó noso Concello”.

Polémica na oposición

A pesar de que a intención inicial de José Carlos Rodríguez era a de que non se percibise o cambio de rexedor despois de tantos anos con Pilar López como alcaldesa, os comezos do seu mandato chegaron con polémica e foi dende as filas da oposición. Por primeira vez en catro décadas, PSOE e BNG tiñan a oportunidade de pactar para formar goberno, sendo o concelleiro nacionalista a peza clave. Sen embargo, Marcos Meléndez, xunto co resto da lista que encabezaba decidiron abseterse para que gobernase o grupo do PP, se ben isto lle custou o posto a Pilar López. Cos ánimos no municipio xa calmados, José Carlos Rodríguez, que considera "boa" a súa relación cos grupos da oposición, tratará de establecer conversas que axuden a que Ramirás recupere a tranquilidade na que adoitan transcorrer os días. O importante é, para el, que a política que rexa o Concello sexa pacífica, porque "a vida pública ten unhas liñas que non se poden traspasar".

Te puede interesar