TECNOLOGÍA

A Aula de Informática chega aos 961 usuarios en Celanova

Cemit_result
photo_camera Unha das actividades organizadas o ano pasado na Aula de Informática de Celanova.

En 2016 impartíu 1.086 horas formativas e a idade media dos participantes sitúase nos 37 anos

A Aula de Informática de Celanova (Aula Cemit) chegou o ano pasado aos 961 usuarios, segundo os datos que difundiu onte o departamento de Cultura do Concello celanovense ao facer balance das actividades desenvolvidas en 2016 naquel espazo. Segundo o citado informe, a cifra total de usuarios acadada supón un incremento de 136 persoas con respecto ao ano anterior.

A idade media das persoas que usan aquelas dependencias é de 37 anos e o 53% son mulleres, fronte ao 47% de homes. Daquela cifra total de usuarios, o 34% chegou á Aula Cemit sen ter ningún coñecemento de informática; o 40% tiña uns coñecementos moi básicos; un 23% presentaba coñecementos a nivel de usuario e só un 3% amosaba coñecementos avanzados.

Ao longo do ano 2016 a Aula impartíu 82 actividades formativas, repartidas entre cursos, charlas, actividades externas con cesión da aula, seminarios e videoconferencias. En total suman 1.086 horas formativas de diversa temática e niveis destinados a diferentes colectivos, desde os máis pequenos da casa ata os maiores. 

Segundo o informe anual da Aula, nas actividades máis importantes impartidas destacan   cursos como iniciación á informática, internet e redes sociais, uso do smartphone, configuración de dispositivos móbiles, ofimática en software libre, retoque de fotografías, ou xestión de nóminas, que foron dirixidos a xubilados, prexubilados, persoas en activo, desempregados e xóvenes. Así mesmo, a Aula acolleu as probas para obtención da Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática, mediante probas presencias. Entre as dedicadas aos máis cativos, destacaron as actividades de programación e robótica, xogamos en rede e edición de imaxe e video.
 

ao longo do pasado ano este espazo acolleu 82 actividades, sumando 1.086 horas formativas de distinto nivel e temática

 


A Aula forma parte da iniciativa Banco de Tempo da Rede de Centros de toda Galicia, a través do que este espazo celanovés compartíu  actividades con aulas como as de Cuntis, Ortigueira, Oroso, entre outras. Así mesmo, 2016 foi o punto de partida do proxecto "Celanova Viva", unha aplicación de ámbito local para mellorar a accesibilidade á información e servizos municipais para os veciños. Esta iniciativa foi seleccionada para formar parte do proxecto Cemit Innova, que ten como obxectivo impulsar proxectos de innovación social dixital que dean resposta ás necesidades sociais, mediante a participación da cidadanía na detección dos seus problemas e no deseño das súas solucions.

Te puede interesar