CONCELLO

Celanova esixe manter o rexistro da propiedade

PP, PSOE e BNG aprobaron por unanimidade no pleno unha petición para manter esta dotación

Celanova esixirá que se manteña o seu rexistro da propiedade. Así o acordou o pleno na sesión ordinaria celebrada onte na Casa do Concello. Os grupos municipais da oposición (BNG e Partido Socialista) respaldaron por unanimidade a proposta presentada polo goberno local para "o mantemento da actual demarcación dos rexistros da propiedade de Bande, Celanova, Pobra de Trives, Ribadavia e Viana do Bolo". 

Debido a un Real Decreto, a localidade de Celanova pasaría a depender do rexistro de Allariz. Os tres grupos coincidiron en que a continuidade das administracións existentes é "fundamental" para que o entorno rural non desapareza. O portavoz socialista, Marcial Balseiro, sinalou que, dende a súa formación, "ven lóxica" a proposta feita polo grupo popular: "Que desapareza o rexistro da propiedade pode actuar en detrimento do rural diminuindo o núcleo de poboación". Balseiro engadiu, ademais, que manter o servizo en Celanova "é mellor á hora de ter un control". A pesar de apoiar a moción, o portavoz nacionalista, Leopoldo Puga sinalou o feito de que, neste caso, o Partido Popular de Celanova "esté en contra da mesma formación a nivel nacional" como exemplo de que "os que gobernan o fan de espaldas a nós". 

No pleno tamén se abordou outra proposta popular para solicitar á Dirección Xeral de Administración Local da Vicepresidencia e Conselleria de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a confección en soporte electrónico dos libros de actas dos órganos colexiados e de resolucións do alcalde. Algo necesario para "o aforro de papel e de espazo, xa que os arquivos físicos son limitados", tal e como sinalou o portavoz popular, Máximo Losada. A moción foi aprobada por unanimidade aínda que os socialistas de Celanova manifestaron "non ter claro quen xestionaría a documentación electrónica", concretamente "se a administración correspondería á propia Deputación de Ourense ou, como no caso do Concello de Ribadavia, a unha empresa privada". O grupo socialista criticou ademais, "que neste sentido nos estamos quedando atrás", "xa que hai moitos Concellos máis pequenos que Celanova que xa teñen toda a súa documentación dixitalizada". Sobre esta cuestión os nacionalistas manifestaron que, reclamarán coñecer o custo total desta xestión no caso de ser aprobada.

Te puede interesar