ENTROIDO 2017

Celanova terá o día grande do Entroido no Sábado de Piñata

photo_camera Uno de los últimos desfiles del Sábado de Piñata por las calles de Celanova.

O Concello ten pendente de decidir a data definitiva para celebrar a festa dedicada aos máis pequenos

O Concello de Celanova está a apurar os preparativos para a celebración Entroido. Dado que nos días fortes desta festividade son moitos os vecinos que se desprazan ata outras localidades próximas nas que esta tradición está máis arraigada, como é o caso do 'triángulo máxico de Xinzo, Verín e Laza, o Concello celanovés centra os seus esforzos na organización do Sábado de Piñata, cun gran desfile, e nos días anteriores, unha festa para os máis cativos.

Polo que respecta á festa infantil, terá lugar como nos últimos anos no pavillón polideportivo da vila, no que se instalarán numerosos xogos, inchables e chocolatada para os máis cativos da vila teñen ao seu propio Entroido . Segundo sinalaba onte a concelleira de Ana Fernández Antorrena, nestes momentos aínda está por decidir a data concreta desta festa, xa que se barallan os días 27 ou 28 de febreiro.
 O gran acto do Entroido na vila será o día 4 de marzo, Sábado de Piñata, cun desfile que percorrerá as principais rúas a partir das 17,00 horas.

O traxecto do mesmo arranca da Pedra da Moa, ónde se irán colocando as carrozas, grupos e comparsas participantes. Logo a comitiva pasará pola avenida López Blanco, rúa Emilia Pardo Bazán, Praza Maior, as rúas Fernandez Losada e Encarnación, a avenida de San Rosendo, rúa Celso Emilio Ferreiro, de novo por Pardo Bazán, para rematar na Praza Maior.

Para animar á participación, o Concello estableceu unha serie de premios, que abarcarán catro modalidades: as comparsas -máis de 15 persoas-, grupos -15 persoas ou menos-, parellas -2 ou 3 persoas-, e individual.

Para as comparsas haberá catro premios, de 1.000, 500, 250 e 150 euros. Os grupos poderán optar a tres galardóns, de 300, 200 ou 100 euros. Para as mellores parellas ou tríos haberá outros tres premios, de 120, 80 e 50 euros. E por último, darase un premio de 50 euros para o que se considere mellor disfraz individual.

Todos os que desexen participar deberán inscribirse  na Oficina de Turismo do Concello e o prazo límite para facelo serán as 14,00 horas do día 3 de marzo e as bases que rexerán este concurso de comparsas pódense ver na páxina web do Concello de Celanova.

Te puede interesar