CELANOVA

O concerto ‘No bico un cantar' une ós conservatorios galegos


Catrocentos alumnos cantarán catro poemas musicados de Curros no claustro barroco do mosteiro

Alumnos de sete conservatorios profesionais de música galegos e de tres agrupacións corais participarán o venres na iniciativa musical e educativa "No bico un cantar", que promove a Consellería de Cultura e Educación e o Consello da Cultura en colaboración co Concello de Celanova e o grupo de alimentación Vegalsa-Eroski.

Catrocentos nenos e nenas dos conservatorios da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, así como das agrupacións corais CPT Terra de Lemos, Nenos Cantores da Capela Madrigalista e o Orfeón Unión Ourensana participarán nunha homenaxe ó poeta celanovés Curros Enríquez. O evento terá lugar ás 17.30 horas e o escenario elexido é o claustro barroco do Mosteiro de San Salvador de Celanova.

A escritora María Canosa presentará o acto, mentres que Maximino Zumalave dirixirá o coro de nenos e nenas, que cantarán os poemas "A Rosalía", "Cantiga", "Melodía gallega" e "Nouturnio", acompañados polo quinteto Hércules.

Estes catro poemas de Curros foron musicados e adaptados por Xosé Baldomir, Xoán Montes, Xosé Castro "Chané" e Xabier Comesaña. Este último creou por encargo a composición "Nouturnio", que se estreará neste concerto.

Durante a mañá do venres os rapaces realizarán ensaios no claustro do mosteiro celanovense e ademáis, visitarán Vilanova dos Infantes e asistirán ó espectáculo Peter Punk.

O programa "No bico un cantar" naceu en 2013 da mán da Consellería de Cultura e Educación e o Consello da Cultura para achegar aos escolares de toda Galicia a música clásica en diálogo coa poesía galega".

Te puede interesar