CULTURA

Curros e Quental reciben a homenaxe de galegos e lusos

<p></p>
photo_camera Un momento da intervención de Alonso Montero, baixo a atenta mirada da representación luso-galaica.

A Vila de San Rosendo albergou a derradeira parada da visita da Asamblea das Azores a Galicia

A "Horta dá Palabra" da Casa dos Poetas de Celanova albergou onte unha sinxela, pero enriquecedora, homenaxe ás figuras de dous escritores revolucionarios e iberistas, o celanovés Manuel Curros Enríquez e o azoriano Antero de Quental. A Fundación Curros Enríquez exerceu de mestra de cerimonias nun acto promovido polo Parlamento de Galicia para poñer en valor os vínculos coa lusofonía, con motivo da visita á comunidade dunha delegación da Asemblea Legislativa da Rexión Autónoma das Azores.

Os profesores Urbano Bettencourt e Xesús Alonso Montero foron os encargados de realizar unha aproximación á vida e obra destes dous poetas unidos ideolóxicamente, no persoal e tamén na literatura, entre outras obras, por "Zara". Un poema-epitafio traducido a 48 idiomas onde Curros Enríquez encargouse do galego e ao que onte puxeron voz e melodía Emilio Rúa e Rosa Cedrón.

OPORTUNIDADE

Tras agradecer a Miguel Ángel Santalices a elección de Celanova como itinerario da visita da delegación lusa, o rexedor da vila de San Rosendo, o "popular" José Luís Ferro, quixo alzar a súa voz "para reivindicar todas as oportunidades, sempre boas, que nos ofrecen os veciños de Portugal. Que non só son unha oportunidade, senón unha obriga para con eles".

Verbas que reiteraba o actual secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Ramón Villares, ou o propio presidente do Parlamento de Galicia, Santalices, que pechou as intervencións defendendo os lazos entre dúas nacións irmás, cunha riqueza idiomática que "ábrenos as portas de medio mundo".

Te puede interesar