CELANOVA

Enxebre retrato das vellas romarías

Música, polbo, artesáns, sol, empanada e cervexa foron o denominador común da nova cita coa cultura galega en Vilanova dos Infantes. O burgo medieval engalanouse para recibir a miles de persoas  desexosas de celebrar o Día das Letras dun xeito especial.

Ambiente de festa na praza do Recreo.
Ambiente de festa na praza do Recreo.
Enxebre retrato das vellas romarías

Como cada ano desde 2002, en Celanova respírase un ambiente de celebración cada 17 de maio. Atrás quedaron as excursións á praia os días de sol ou as visitas a outras vilas e cidades próximas aproveitando a festividade autonómica en xornadas de choiva ou frío. 

O Día das Letras é , para os  celanovenses, o día de achegarse a Vilanova dos Infantes para festexar a Curros Enríquez e a Celso Emilio, a Rosalía de Castro e a María Vitoria

Moreno, pero tamén aos músicos e zapateiros tan arraigados neste burgo medieval, aos artesáns do coiro, palilleiras, cesteiros, panadeiros, ferreiros, canteiros ou zoqueiros.
Cada casa, cada patio que onte abriu as súas portas a Raigame era unha viaxe ao pasado para coñecer como as técnicas e os vellos oficios teñen cabida neste século XXI. Poucos foron os que puideron resistir a tentación de levar para a súa casa unha peza de artesanía única, elaborada con mimo polo autor, e bautizada, a viva voz, cunha gaita ou pandeireta, coa música das agrupacións de toda Galicia que tomaron as rúas e prazas deste antigo concello anexionado ao de Celanova no ano 1927.


Fotógrafos e etnoloxía


Móbiles e cámaras dixitais, moitas atraídas polo certame de fotografía convocado pola organización, foron testemuña da xornada festiva que nesta ocasión dedicouse aos fotógrafos ambulantes. As súas instantáneas sobre a vida cotiá, as feiras e romarías dos séculos XIX e principios do XX, tomaron as rúas en forma de exposicións, conferencias e  photocalls. 

A eles dedicoulles unhas palabras o rexedor  celanovés, José Luis  Ferro, no acto oficial da xornada con motivo da entrega do premio "Adolfo Enríquez" ao Museo  Etnolóxico de Ribadavia polo "seu traballo no tratamento, recuperación, conservación e difusión de arquivos fotográficos e de garante, polo tanto, para que o inxente traballo realizado por moitos fotógrafos ó longo do século XIX e todo o século XX poda ser conservado como mostra do xeito de vida que temos sido herdeiros e estamos obrigados a conservar para o futuro", leu Ferro Iglesias. 

O crime aínda sen resolver do querido párroco de Vilanova dos Infantes que dá nome ao galardón foi lembrado tanto polo público asistente como polas autoridades. Tres anos despois do fatal suceso onde tamén se perdeu a pista da imaxe da Virxe  do Cristal, o seu sobriño José Manuel Enríquez sinalou que "a fotografía que queremos ver é a da xustiza", en alusión ao gremio homenaxeado nesta edición, ao tempo deu as grazas aos presentes "por non esquecerse del".


Aldea fermosa de Galicia


Tras recibir o galardón, obra do escultor mallorquino afincado en Ourense Leandro Sánchez, o director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, César Chaira, agradeceu "o esforzo" da organización por xestionar cada ano a romaría "onde estamos encantados de poñer o noso graniño de area", dixo.

O acto, ao que acudiron diferentes alcaldes da bisbarra, a delegada territorial, Marisol Díaz, os deputados Pablo Pérez e Ana Belén Vázquez, ou a senadora Carmen  Leyte, estivo presidido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen tomou a palabra para sinalar que "o turismo é un sector aliado para o patrimonio cultural e propicia que podamos gozar del e, ao mesmo tempo, sexa protexido". Neste sentido, o rexedor local reivindicou a importancia de seguir apostando pola recuperación e mellora do burgo medieval co obxectivo de que "un día poida ser declarada Aldea Fermosa de Galicia".

Os danzantes de Vilanova dos Infantes foron os encargados de poñer o punto e final ao acto oficial, pero non ao día festivo. As rúas e prazas da pequena vila medieval foron un fervedoiro de visitantes durante toda a xornada. 

Unha viaxe interxeracional ao pasado que serviu para reunir a familias e grupos de amigos.