TURISMO

Escolares crean unha mostra de turismo sostible

A segunda parte da xornada tivo lugar na biblioteca do Instituto Celso Emilio Ferreiro de Celanova, onde o escritor e mestre, Xoán Carlos Domínguez Alberte, impartiu un obradoiro de creación literaria

Alumnos de distintos centros educativos de Celanova e da Baixa Limia participaron nunhas xornadas organizadas pola coordinadora comarcal de Equipos de Normalización Lingüística. O programa estivo dividido en dúas partes: durante a primeira, presentouse a exposición itinerante "O turismo sostíbel para o desenvolvemento na bisbarra de Terra de Celanova Baixa Limia" feita polos estudantes dos Centros de Ensino de Infantil e Primaria Xurés de Lobios, San Marcos de Cartelle, Cúrros Enríquez de Celanova, Xaquín Lourenzo "Xocas" de Bande , o CPI Padrenda Crespos e o Instituto de Ensino Secundario Aquis Querquernis da Baixa Limia. 

Os cativos destes centros de ensino participaron, durante varios meses, na elaboración dunha maqueta do Xurés, un mapa de rutas de Cartelle, unha conxunto de "elementos de interese" da zona de Celanova, unha ruta de sendeirismo entre O Vieiro e Santa Comba, un libro, guías e fotos da ruta miñota de Padrenda e unha exposición fotográfica sobre a Baixa Limia. Todas estas creacións poderanse visitar nos centros pertencentes á rede comarcal de Equipos de Normalización Lingüística dende esta semana ata finais do trimestre escolar. 

A segunda parte da xornada tivo lugar na biblioteca do Instituto Celso Emilio Ferreiro de Celanova, onde o escritor e mestre, Xoán Carlos Domínguez Alberte, impartiu un obradoiro de creación literaria e unha charla sobre o seu libro " Versos para conversar". Esta obra foi presentada recentemente en Ourense e, a vindeira semana  presentarase en Vigo. 

Te puede interesar