A Fundación Curros atendeu a 12.000 persoas no ano 2017

En canto ós datos de procedencia: o 14% foron persoas da comarca de Celanova, o 21% do resto da provincia de Ourense, e do resto de Galicia o 48%

Alumnos do IES Paralaia, de Moaña, durante a visita á Casa dos Poetas.
Alumnos do IES Paralaia, de Moaña, durante a visita á Casa dos Poetas.
A Fundación Curros atendeu a 12.000 persoas no ano 2017

A Fundación Curros Enríquez atendeu a 11.969 persoas ao longo do ano pasado. Esta cifra inclúe a suma dos visitantes da Casa dos Poetas (casa familiar de Curros Enríquez), dos visitantes da Torre da Homenaxe en Vilanova dos Infantes, dos participantes nas actividades culturais organizadas por esta entidade e dos grupos concertados que solicitaron un acompañamento nos roteiros "Celanova: pedra e poesía" e "Celanova: un paseo pola historia de Galicia", que inclúen visitas ó Mosteiro de San Rosendo, á Torre das Campás, a Vilanova dos Infantes e a Castromao.

En canto ós datos de procedencia: o 14% foron persoas da comarca de Celanova, o 21% do resto da provincia de Ourense, e do resto de Galicia o 48%, destacando a provincia de Pontevedra con 4.551 visitantes (31%), o 14% do resto de España (só de Madrid foron 1.069 visitantes superando o resto de provincias xuntas) e o 3% de fóra de España. Case a metade do total (5.134 persoas) achegáronse a Celanova formando parte de grupos concertados (143), salientando este ano que os grupos non escolares superaron por primeira vez os escolares. Neste caso a explicación obtémola da participación na nova actividade de órgano para grupos concertados de público en xeral. De todos xeitos, non desmerece a cifra dos centros de ensino (61) que desprazaron 2.582 estudantes mantendo así os datos de 2016.