LITERATURA

A Fundación Curros Enríquez doa 275 libros

Actualmente a biblioteca, situada no segundo andar da casa familiar do escritor Curros Enríquez, alberga cerca de 3.200 exemplares

A biblioteca da Fundación Curros Enríquez, ante a necesidade de facer espazo para "albergar o fondo local", enviou un total de 225 exemplares á Biblioteca Pública Municipal de Celanova e entregará ao longo do ano 2017 outros 50 ao Centro Unión Ourensana de La Habana.

Actualmente a biblioteca, situada no segundo andar da casa familiar do escritor Curros Enríquez, alberga cerca de 3.200 exemplares. Esta colección preséntase coma un importante fondo de literatura galega que se foi creando, en parte, grazas a doazóns institucionais. Estas contribucións deron lugar, en ocasións,  á duplicidade de exemplares ou á presenza de libros de temática allea. Esta situación, xunto coa necesidade de facer espazo para incrementar os documentos relacionados coa Fundación, fixo que se tivesen que doar aquelas obras que consideraron prescindibles.

As entidades receptoras son a Biblioteca Pública de Celanova e o Centro Unión Ourensana de La Habana. Esta última conta co "Obradoiro de Cultura Galega Manuel Curros Enríquez", creado no ano 2015. A doazón da Fundación quere contribuír a dito proxecto coa achega da colección completa da Biblioteca da Cultura Galega editada por Galaxia, entre outros exemplares. A biblioteca municipal de Celanova recibirá "obras de literatura castelá e fondo non literario".

A Fundación continúa ampliando a súa colección, mostra diso é a recente adquisición de novas publicacións dos  escritores celanoveses Carlos Montero e Manuel Caldas.

Te puede interesar