CELANOVA

A metade das Portas do Xurés están pechadas de cara ó verán

Os edificios destinados a este fin en Entrimo, Calvos de Randín e Lobeira non teñen data de apertura

Dous anos despois da finalización do proxecto, a metade das Portas do Xurés continuarán pechadas tamén durante esta campaña estival. Así o confirman os alcaldes dos municipios pertencentes ó parque natural, que prevén que a situación se manteña similar á do ano pasado. Deste xeito, Muíños, Bande e Lobios son os tres puntos que contan coas instalacións operativas, mentres que Lobeira, Entrimo e Calvos de Randín agardan pola resposta das administracións.

Os respectivos rexedores non son demasiado optimistas de cara ó verán, posto que a apertura dos centros xa se vén arrastrando dende hai algúns anos. Apúntao Aquilino Valencia dende Calvos de Randín. A súa Porta do Xurés estará na antiga rectoral de Santiago de Rubiás, pero "acabaron as obras hai case tres anos e está pendente dunhas pequenas reformas para que a Deputación nos entregue o edificio e poidamos comezar a xestionalo". O alcalde limiao quere, non obstante, ser optimista tendo "a esperanza de que este verán poidamos poñelo en funcionamento".

En termos semellantes tamén se pronuncia Ramón Alonso dende Entrimo. "Chamamos á Deputación case cada semana por este asunto pero dinnos que o expediente aínda non se pode pechar", en palabras do rexedor. No seu caso tamén se trata da rehabilitación dunha antiga casa na Terrachá. 
Diferente é a problemática en Lobeira, onde un edificio de nova construcción rematado no 2014 agarda a que "algunha administración aporte o orzamento necesario para poñela en funcionamento porque niso foi no que se quedou", asegura o alcalde Antonio Iglesias, lamentando que dende que se rematou o proxecto "aínda non a puidemos abrir".

Fontes da Deputación provincial sinalan que desde o organismo traballan na busca de solucións para as deficiencias que poidan presentar os edificios, especialmente os de Entrimo e Calvos de Randín, para facilitar a súa posta en marcha o antes posible.

A apertura das Portas que agora mesmo funcionan é posible gracias á colaboración puntual da Deputación Provincial e á dispoñibilidade dos concellos de destinar personal municipal a estes espazos. É o caso de Muíños, que volveu abrir as instalacións, emprazadas nun edificio de nova construcción. A comezos deste mes destinou alí a dous operarios do Concello, que atenden sobre todo a excursións e campamentos, segundo confirma o alcalde, Plácido Álvarez, e así seguirá cando menos ata finais de setembro, ó igual que fixeron o pasado ano.

Tanto Bande como Lobios optaron no seu momento por emprazar cadansúa Porta en instalacións xa en funcionamento co obxectivo de poder manter o servizo. No primeiro, é o centro de interpretación Aquis Querquennis o que acolle esta iniciativa e o que permite mantela aberta durante todo o ano. "Estamos moi contentos co funcionamento do centro porque ademais cumpre esta dobre misión", en palabras do alcalde de Bande, José Antonio Armada. 
En Lobios, pola súa banda, a Porta do Xurés sitúase na Biblioteca Municipal e adoita estar atendida polo personal encargado deste servizo, aínda que "a Deputación tennos botado unha man con traballadores específicos, sobre todo para tela aberta polas tardes do verán", explica a alcaldesa Mari Carmen Yáñez.

Te puede interesar