CELANOVA

Miguel Santalices: "Tratamos de abrir o Parlamento á xente, sobre todo á máis cativa"

O Parlamento de Galicia recibirá o premio "Celanova, Casa dos Poetas"

Miguel Santalices preside o Parlamento dende o 2016.
Miguel Santalices preside o Parlamento dende o 2016.
Miguel Santalices: "Tratamos de abrir o Parlamento á xente, sobre todo á máis cativa"

Miguel Santalices será o encargado de recoller mañá, domingo, o premio "Celanova, Casa dos Poetas", que este ano lle foi outorgado ó Parlamento de Galicia. 

Que significa a concesión deste premio para o Parlamento?

É unha satisfacción e un orgullo recibir un premio cun importantísimo compoñente cultural. Estamos falando dunha vila cultural por excelencia que lle recoñece ó Parlamento a súa pluralidade, implicación coa cultura, galeguidade e apertura á socieade, que é unha fase na que estamos nestes momentos. Todo iso é unha satisfacción. É un premio a unha longa traxectoria porque en novembro vanse cumprir 37 anos da historia da institución. 

Ata agora tiñamos percibido un certo hermetismo institucional. En que medida o Parlamento debe abrirse á sociedade?

Eu levo o meu tempo no Parlamento e vexo que é a nosa primeira institución, pero non é demasiado coñecida. Hai moita xente que aínda o confunde coa Xunta e son dúas cousas distintas. Todo emana do Parlamento, onde reside a representatividade social. Por iso andamos nesa fase de tratar de abrilo, de que a xente, sobre todo a máis cativa, coñeza a institución, que facemos alí, que significa aprobar unha lei ou que mecanismos ten a sociedade para poder participar nas decisións. Non é un traballo doado, estanos costando pero estamos obtendo beneficios. E un deles é este premio, que unha institución cultural importante se fixou en nós. Iso a nós gratifícanos e anímanos a seguir traballando. 

Moitas veces os votantes só reparamos nas broncas. Como é o ambiente humano detrás do que acontece no hemiciclo?

Entendo que iso é o que xere máis atracción mediática, pero detrás hai unha profunda carga de traballo. As broncas e anécdotas poden suceder pero, como presidente dende hai tres anos, teño que dicir que cando lles pido que reconduzan a súa actitude, non vai a cousa a maiores. Non tivemos líos importantes e os mesmos deputados danse conta de que iso non é o que quere a sociedade e tampouco eles queren que sexa a constante do traballo parlamentario. A xente quere que o debate vaia pola sanidade, pola educación, polas políticas sociais... Non é un Parlamento que chame a atención por iso, hai boa convivencia. A sociedade quere que traslademos mensaxes positivas e por iso estamos traballando en liñas de saúde, educación e cultura. 

Leva máis de 20 anos de deputado. Cómo ten cambiado a política en todo este tempo?

Teñen cambiado varias cousas. Agora hai que implicarse dun xeito moito máis directo e ter un contacto directo coa cidadanía. Isto é clave neste momento. E cambiou tamén o debate parlamentario. Antes dábanselle tres ou catro voltas a un asunto e agora trátanse máis directamente. Pero tanto na primeira etapa como agora, o certo é que tódolos deputados teñen unha forza grande por defender os intereses da sociedade e buscan como facelo. Iso é unha cousa que a min me gusta e que non cambiou nada. Para min é a parte máis interesante da política.