AGRICULTURA

Novos froitos para o futuro

celanova
photo_camera Carmen Jiménez, xunto ós mirabeles que aínda están en proceso de maduración.

A comarca de Celanova acaba de dar a súa primeira colleita de mirabeles sementados para a industria conserveira. Con Carmen Jiménez á cabeza, o proxecto consistirá no envasado deste froito en almíbar aromatizado con diferentes herbas

É habitual pensar na comarca pontevedresa do Rosal cando oímos falar de mirabeles, pero agora, a zona de Celanova tamén quere asociarse ó nome desta pequena variedade de ameixa. E quere facelo dándolle unha volta de innovación ó producto da man de Carmen Jiménez, responsable da conserveira "María Tola".

Hai agora cinco anos que prantou na súa finca 40 árbores simplemente "por probar sorte" e confiando en que foran adiante. Daquela, agardaba que deran froito suficiente para poder comercializalo en dous anos. Finalmente, tivo que aprazalo un pouco máis pero onte xa puido recoller a primeira colleita para a industria conserveira. "O ano pasado xa deron algo de froito, pero só para consumo propio", explica Carmen Jiménez. 


Típico de Centroeuropa


Os mirabeles son moi típicos da zona de Centroeuropa e en países como Francia ou Alemaña está moi arraigado o seu envasado. Non acontece o mesmo en España, onde é máis habitual atopalo deshidratado ou en augardente, tal e como planeaba facer Carmen nun principio. Pero, tendo en conta que "o clima da zona de Celanova se presta para o cultivo desta árbore", deixará que o froito acade diferentes niveis de maduración co obxectivo de contemplar tamén a comercialización doutros productos. 

Así, o envasado en almíbar que agora porá en marcha require o menor grao mentres que as confituras esixen unha maduración máis elevada, conta a responsable de María Tola. Por iso, deixou aínda unha pequena cantidade de mirabeles na árbore agardando a que collan o punto necesario para facer doces. 

A de Carmen Jiménez, natural de Almería pero afincada en Celanova, é unha clara aposta polo futuro do rural, incorporando novos froitos que ata agora non se tiñan arraigado na zona. Un mantra deste proxecto é o slow food, unha filosofía que aposta por manter a calidade da comida e a máxima naturalidade posible, avogando por un producto ecolóxico sen ingredientes artificiais.

Te puede interesar