O obradoiro de Celanova formou a 15 profesionais

1op1164_result
photo_camera Participanres no obradoiro, cos alcaldes da comarca celanovesa e a delegada da Xunta, Marisol Díaz.

Os alumnos do curso da Mancomunidade melloraron xardíns e zonas verdes

Os alumnos e alumnas participantes no obradoiro de emprego promovido pola Mancomunidade Terra de Celanova, completaron onte un periodo de formación de seis meses durante o cal realizaron varias melloras en distintos entornos dos concellos de Celanova, A Merca, Verea, Gomesende, Ramirás, Pontedeva, Cartelle e Quintela de Leirado. 

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou en Celanova no acto de clausura e entrega de diplomas deste obradoiro que contou cun investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de máis de 130.000 euros. 

Neste sentido, Díaz Mouteira puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego dos que, sinalou, "incrementan a inserción laboral dos seus participantes" e, ademais, "contribúen a fixar poboación no rural". 

Actuacións levadas a cabo

Os alumnos participantes centraron os seus esforzos no mantemento de xardíns, parques e zonas verdes de barrios como o de A Ermida ou o aparcadoiro das Triguerizas, ubicados no concello de Celanova. 

Na mesma liña, realizaron actuacións de mellora en espazos verdes como o parque dos amoedos do Picouto, en Ramirás, o campo da feira de Cartelle ou na contorna da Casa do Concello de Gomesende.

A delegada territorial destacou que, dende a Xunta, se destinaron 20,5 millóns a estes obradoiros de emprego. Para a vindeira edición haberá varias novidades, entre elas, a ampliación dos cursos de seis a nove meses. Tamén se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción. 

Te puede interesar