RECOÑECEMENTO

O Parlamento Galego recibe o galardón "Casa dos Poetas"

clnvpatronato3_result
photo_camera Algúns dos patróns que asistiron á reunión celebrada na Casa dos Poetas.

A Fundación Curros Enríquez destaca a presencia máis activa no país que está a ter a institución

A tradicional e estreita relación que o Parlamento de Galicia mantén desde hai tempo coa Fundación Curros Enríquez, así como o esforzo que está a facer a institución "por abrirse ó país, tratando de ter presenza activa, máis alá da vida parlamentaria no Pazo do Hórreo" levoulle a obter o trixésimo cuarto premio "Celanova Casa dos Poetas". 

Os patróns da fundación currosiana así o acordaron no transcurso da reunión celebrada onte en Celanova, destacando a implicación dos distintos presidentes que tivo a Cámara desde tempos de Victorino Núñez, cando a Casa dos Poetas era "só un ilusionante proxecto de futuro; que continuou dun xeito especial con Dolores Villariño e Pilar Rojo, e que se ten consolidado nos últimos anos con Miguel Santalices á súa fronte", apuntaban nun comunicado no que lembraron a xornada de achegamento entre o Parlamento de Galicia e Asemblea das Azores celebrada na Casa dos Poetas en setembro do ano pasado, como consecuencia da relación do escritor azoriano Antero de  Quental co propio Curros.


Domingo 2 de setembro


A máxima institución galega pasará a formar parte do ilustre elenco de galardoados dun premio que persegue recoñecer o labor desenvolvido en favor da cultura galega, en todas as súas facetas, ou da propia Galicia. "Tendo presente que Curros Enríquez exerceu durante un tempo da súa vida como activo e crítico cronista parlamentario en Madrid, nestes tempos de tanto vertixe social e político, a fundación que leva o seu nome desexa reivindicar o parlamentarismo como a mellor das fórmulas posibles de organización social, e o debate e o diálogo como as únicas receitas para a consecución de acordos destinados á mellora da nosa convivencia", destacaban os patróns, á vez que expresaban o seu desexo de que todas as forzas políticas representadas no arco parlamentario acudan á entrega do premio o domingo 2 de setembro.


O ano pasado atenderon a máis de 11.000 persoas


Representantes do Concello de Celanova, do Consello da Cultura Galega, da Deputación de Ourense, das universidades de Vigo e A Coruña, así como outros patróns a título individual, estiveron presentes na reunión que serviu para aprobar as contas e actividades do 2017, así como planificar as actuacións previstas para este ano. Neste punto, os patróns destacaron o éxito das actividades culturais e de lecer desenvolvidas pola fundación, con máis de 11.000 persoas atendidas en 2017 e unha gran fidelización dos centros que elixen Celanova para as súas excursións (2.700 escolares de 65 centros o ano pasado). Unha oferta que se complementa coas presentacións de libros, exposicións temporais, eventos culturais e obradoiros infantís que enchen a casa durante todo o ano.

Te puede interesar