CELANOVA

O Parlamento reivindica en Celanova a súa diversidade e apertura social

Representantes dos catro grupos políticos agradeceron o premio "Celanova, Casa dos Poetas"

Políticos de todas as formacións que compoñen o Parlamento de Galicia estiveron presentes no acto.
Políticos de todas as formacións que compoñen o Parlamento de Galicia estiveron presentes no acto.
O Parlamento reivindica en Celanova a súa diversidade e apertura social

A esencia do Parlamento de Galicia trasladouse onte ata Celanova para amosar a grandeza da súa diversidade ideolóxica e recibir o premio "Celanova, Casa dos Poetas" na súa XXIV edición. Deste xeito, os catro partidos políticos con escanos no Pazo do Hórreo estiveron representados nun acto que serviu para conmemorar o traballo que a institución ten feito en prol da cultura galega. Así o lembrou o actual presidente do Parlamento, Miguel Santalices, como encargado de recoller o galardón, simbolizado tanto no diploma elaborado por Baldo Ramos como na medalla esculpida por Acisclo Manzano. 

Foi nesta intervención de agradecemento onde Santalices incidiu na necesidade de que o Parlamento se abra á sociedade, algo que nos últimos anos se ten feito con fórmulas como a posibilidade de que os cidadáns elaboren preguntas ou trámites parlamentarios, unha serie de medidas que "agora están adoptando outros parlamentos", explicou. Esta aposta implica que a institución se faga "visible na rúa, nas empresas, na vida cultural e académica" a través dos 75 deputados que a compoñen.


Diversidade


A heteroxeneidade ideolóxica foi un dos factores determinantes na concesión do premio e, por iso, os catro grupos parlamentarios estiveron representados no acto. Noa Presas, do BNG; Xaquín Fernández Leiceaga, do PSdeG-PSOE; Luís Villares, de En Marea, e Pedro Puy, do PP, coincidiron en agradecer a concesión do premio "Celanova, Casa dos Poetas" nun momento no que a política e os políticos contan con altos índices de "descrédito", en palabras de Leiceaga. 

Os catro deputados apelaron ás figuras de Celso Emilio Ferreiro e, especialmente, de Manuel Curros Enríquez. Para Presas, a figura do poeta celanovés "recórdanos que a política non é só aquilo que se fai nas institucións", senón tamén na literatura. Villares, pola súa banda, lembrou ó tamén cronista parlamentario como símbolo de galeguismo, liberdade de expresión e feminismo, así como a súa faceta de "voceiro da xente máis necesitada". 

Ó acto asistiron tamén o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e os expresidentes do Parlamento, Tomás Pérez Vidal, José María García Leira, Dolores Villarino e Pilar Rojo, ademais do presidente da Fundación Curros Enríquez e alcalde de Celanova, José Luís Ferro, que lanzou a proposta de creación dun premio anual para cronistas parlamentarios, lembrando a faceta profesional de Curros.