POLÉMICA

O persoal do asilo de A Bola solicita á Xunta que interveña

SAMSUNG CSC
photo_camera Algúns familiares e traballadores mantiveron una reunión informativa sobre o conflito.

A alcaldesa, Teresa Barge, asegura que se recoñecerán os dereitos laborais dos traballadores do centro

Os representantes sindicais da CIG solicitarán formalmente a intermediación da Xunta de Galicia no conflicto que dende hai dous anos manteñen o Concello e a empresa concesionaria Carbatari respecto do desaloxo da residencia de maiores da Bola. Así o asegurou o representante comarcal do sindicato, Anxo Pérez Carballo, trala reunión mantida entre os traballadores contratados pola empresa e algúns familiares dos usuarios. Ademais, declarou que tamén se porán en contacto coa Subdelegación do Goberno e, en último caso, coa Fiscalía.

Segundo Pérez Carballo, nesta situación de tensión entre ámbalas dúas partes "estánse conculcando todo tipo de dereitos", tanto no tocante á "intimidade dos usuarios que teñen aquí okupas", como dos familiares "ós que están coaccionando" e os dos traballadores, "que deben ser subrogados automaticamente na nova concesionaria". Neste punto, a alcaldesa Teresa Barge afirmou que o Concello "recoñecerá os dereitos" dos empregados e emprázaos a que acudan ás oficinas municipais para resolver as súas dúbidas. Barge lamenta que "ningún traballador nin representante sindical veu aínda falar con nós". 

No medio do conflito administrativo, algúns dos familiares presentes onte na reunión amosaron o seu descontento coa situación. "O problema que teñan entre eles que o arranxen, pero que non molesten nin ós nosos maiores nin ós traballadores, que están facendo máis do que deben". Así o expresaba un dos afectados, ó que outro familiar engadía que "que culpa temos nós do que pase entre eles".


Clausura do recinto


En calquera caso, o Concello procedeu onte á clausura do edificio, unha decisión notificada tanto no centro como ó xulgado e á Subdelegación. No edicto, alertan de que procederán ó desaloxo "na maior brevidade" prohibíndolle "a entrada a calquera persoa por risco inminente de catástrofe". Este punto centrará a denuncia próxima a interpoñer por parte de Carbatari por "acoso e extorsión". Segundo alegan, "non ten informe de Industria, nin Sanidade nin Inspección de Centros, que é quen abre e pecha residencias". Os avogados da empresa estarían tamén estudando "a posibilidade de que a alcaldesa estea actuando con prevaricación", sinalan.


O traslado dos 24 residentes a outras instalacións comezará este luns


Trala clausura do edificio por parte do Concello, a rexedora asegurou que o traslado temporal dos usuarios a outros centros comezará o luns, independentemente da continuidade dos traballadores da empresa nas instalacións. "Estamos exercendo os nosos dereitos e responsabilidades sobre o inmoble", asegurou. Para Barge, "os maiores son a prioridade número un e a prioridade dous son os traballadores". Por iso, afirma que a traballadora social do Concello leva varios días tratando coas familias para executar o traslado, que se produciría en ambulancias e persoal médico de acompañamento cara outras residencias da provincia e con prazas reservadas para cando se reabra o edificio.

Dende Carbatari insisten en que a vontade da empresa é "cesar a actividade" se ben non están dispostos a deixala sen "un papel no que asuman a responsabilidade sobre a xente". Sen ese compromiso, "non podemos abandoar o barco porque a lei di que os responsables somos nós", a pesar de que a concesión finou no 2016.


Un edificio "tomado" dende hai 96 horas por técnicos municipais


Pasaron xa catro días dende que traballadores municipais entrasen na residencia de maiores para darlle forma á sentencia firme do pasado 6 de xullo emitida polo Xulgado do Contencioso Administrativo de Ourense pola que autorizaba ó Concello a "entrada na propiedade para proceder á execución das resolucións firmes que ordenaron o desaloxo da edificación". Neste auto, o xuíz lembra que debe ser a administración local quen solicite o auxilio das forzas policiais. Así llo acaba de comunicar de novo ó denegarlle a solicitude de medidas cautelares requerida o pasado luns. 

Será hoxe cando a administración deba pronunciarse, posto que Teresa Barge manterá unha reunión na Subdelegación do Goberno, que será quen marque os pasos a dar, á espera de que a Xunta de Galicia medie nun conflito no que ten a última palabra por ser quen está en posesión das competencias de Benestar. 

CRUCE DE ACUSACIÓNS

Mentres, continúan as acusacións entre ámbolos dous bandos, alí presentes día e noite agardando a unha resolución que non lles dá chegado. O ambiente, de tensión inicial entre os traballadores da empresa e os do Concello, vaise relaxando a nivel persoal mentres o problema se mantén no plano institucional. 

Para os sindicatos, a decisión de pechar o edificio por obras non está xustificada de non ser "por intereses ocultos", algo no que coincide Carbatari, alegando que as actuacións nas humidades do sótano poderían realizarse sen necesidade de cesar a actividade. Barge amósase contraria a estas afirmacións manifestando que se poden producir problemas de gases tóxicos que lle afecten ós usuarios. "Os técnicos dinnos que ó non saber o alcance dos problemas coas augas fecais debemos evacuar o edificio". 

Continúan así dous anos e medio de litixio, trasladándose do xulgado ó centro de maiores dende o pasado luns e agardando a que alguén tome algunha decisión.

Te puede interesar