ENTREVISTA

Manuel Casal Guisande: "Se te sabes organizar ben nos estudos, podes ter tempo para todo"

manuelcasal2_result
photo_camera Manuel Casal Guisande, ás portas do instituto celanovense.

O bolense Manuel Casal acadou o mellor expediente académico do Grao de Enxeñería mecánica

O bolense Manuel Casal Guisande recibía recentemente o premio extraordinario de fin de grao por ser o mellor expediente da súa promoción do Grao de Enxeñería Mecánica da Universidade de Vigo.

Cómo foron estes anos de carreira?

Foron catro anos de traballar duro, pero viña ben preparado do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro. Daban caña, pero iso serviume para chegar a isto. En Celanova creo que hai bo nivel, eu fun de menos a máis. No Sagrado Corazón era de sacar bens e notables, pero no IES collín o hábito de estudar e fun nunha progresión cara arriba. Tamén teño que agradecer o apoio dos meus pais, dos avós, os amigos e da miña moza.

Pasou moito tempo sen saír por ter que estudar?

Realmente gustábame o que estaba a estudar e non supuña un esforzo tan grande. Algunhas materias non che gustan e tes que roer, pero en cuarto, era máis práctica aplicada e contaban cun equipo moi competente, así que resultou doado. Só houbo una cosa que me fastidiou moito, que foi deixar a Banda de Ramirás e a charanga XL onde tocaba. Pero en terceiro tiven que facelo porque non me daba a vida para todo. Agora estaría tocando no Entroido de Xinzo...

Cal é o segredo para obter un 8,6863 de media?

Organización. Si te sabes organizar, podes ter tempo para todo. Sen excesos, claro, porque nesta carreira hai moitos traballos, moita práctica.

Sempre tivo claro que o seu futuro estaba na Enxeñería Mecánica?

Cando fixen a selectividade, valorei a posibilidade de estudar aeroespacial, pero era algo moi concreto e que me obrigaba a irme a Madrid, e eu non me quero marchar de Galicia. Enxeñería Mecánica abarca moito máis e abre máis oportunidades laborais. Non me desagrada o sector de desenvolvemento de produtos de consumo nin o biomédico. No último curso estiven de Erasmus en Irlanda, traballando nunha investigación sobre un dispositivo de osixenoterapia para neonatos coa colaboración do Hospital de Ourense. Quedei moi contento co traballo e cos meus titores Luis López e Enríquez Ares do departamento de Deseño en Enxeñería, que me axudaron moito. 

Que plans ten agora?

Non o sei. Agora mesmo estou facendo un Máster de Enxeñería, como o antigo plan de Enxeñería Industrial, e teño unha beca de colaboración para a investigación de 3D con metais, un campo moi innovador, moi novo. Ao rematar, gustaríame traballar no meu e preto da casa.

E como está o sector en Galicia?

Penso que no meu hai traballo. O malo é que está mal pagado ou che fan traballar con becas en postos de responsabilidade. A min gustaríame quedarme en Galicia, porque sei que hai empresas onde podo traballar. Non me gustaría saír de aquí, se o fixese, sería forzado.

Te puede interesar