CONCENTRACIÓN

Unha trintena de motos Vespa recorre a ruta de San Rosendo

Vespas en Celanova2_result
photo_camera Un grupo dos motociclistas evoluciona co coas súas motos Vespa pola Praza Maior de Celanova.

Procedían da localidade portuguesa de Santo Tirso e chegaron á vila  logo de facer 150 kilómetros

Un grupo dunhas 30 persoas percorreron os máis de 150 quilómetros que separan Celanova da localidade portuguesa de Santo Tirso en Vespa co obxectivo de darlle visibilidade ó Camiño de San Rosendo. Trátase da primeira actividade coa que o Concello de Celanova ten previsto celebrar o 25 aniversario do irmanamento entre ámbalas dúas localidades. Neste caso, os veciños portugueses percorreron esta ruta da man do Rotary Club de Santo Tirso, promotor da iniciativa. 

Segundo explican os responsables da delegación lusa desta asociación internacional, a idea é "impulsar unha ruta que una os dous países" e que chegue ata a capital compostelá, en palabras do responsable de Relacións Internacionais do clube, Ricardo Ferreira. Xunto a el estiveron os responsables do Rotary Club ourensán, lembrando que entre os seus principios asociativos figura a promoción do turismo, tanto relixioso como natural, dúas características que "reúnen lugares coma o Xurés", segundo sinalou o directivo d José Carlos Yáñez. 

Un dos que chegou en Vespa dende Santo Tirso foi o empresario Adelino Lopes, antigo presidente do centro social San Rosendo de San Miguel do Couto -lugar de nacemento do fundador do Mosteiro de Celanova-. Lopes asegurou que "foi a viaxe máis emocionante que fixen en moto", representando deste xeito o ánimo dos que chegaron canda el. "Ademais da amizade que nos une con Celanova, tamén gocei da viaxe pola aproximación que temos coa figura de San Rosendo". É por iso que á súa chegada lle fixeron unha ofrenda á escultura do santo e soltaron varias pombas coa idea de que volten a Portugal.

Camiño de San Rosendo

A viaxe realizada onte por unha trintena de amantes das motocicletas Vespa traía consigo o propósito de reivindicar un camiño que, polo de agora aínda non forma parte das rutas xacobeas oficiais. Este ramal uniría o lugar de nacemento de San Rosendo -onde aínda se conserva a súa pía bautismal- con Ourense, atravesando as comarcas da Baixa Limia e Terras de Celanova e enlazando coa Vía da Prata a partir da capital da provincia. 

A riqueza natural, relixiosa e tamén arqueolóxica que presenta este traxecto foi lembrada onte por todos os membros das delegacións portuguesa e ourensá do Rotary Club.

Te puede interesar