REPORTAXE

Unha guía para emprendedores

Celanova_result
photo_camera Participantes na primeira edición do Espazo Coworking, no acto final de presentación dos proxectos.

Unha ducia de emprendedores participaron na primeira edición do Espazo Coworking celebrado en Celanova, o que lles brindou un acceso a materias de xestión empresarial para desenvolver os seus proxectos de futuro

Marketing, finanzas, xestión ou marca persoal son conceptos que de primeiras parece que encaixan máis coa estructura de grandes empresas e, en ocasións, os novos proxectos adoitan obviar a importancia de telos en conta. Pero isto non debería ser así e esta foi unha das principais leccións que aprenderon os participantes na primeira edición do Espazo Coworking desenvolvido, entre outras localidades da xeografía galega, en Celanova entre os pasados meses de setembro e marzo. Nese tempo, unha ducia de emprendedores tiveron a oportunidade de asistir a clases impartidas por expertos en diferentes materias de creación de empresas, ó tempo que desenvolvían a súa proposta da man de mentores especializados. 

Así o sinala, por exemplo, Carmen Jiménez, que se inscribiu para poñer en marcha un taller de restauración do que agora mesmo está vivindo. "O coworking, sen dúbida, acelerou o meu proxecto", apunta, "hai moitas cousas que me levarían o dobre se non fora polas reunións cos expertos porque ó principio un non sabe nin por onde comezar". Con ela coincide David Sánchez, propietario de Lares do Xurés, un punto de información e atención turística para empresas e institucións situada na antiga praza de abastos de Bande. Para el, o rasgo máis importante desta iniciativa foi o "abrirnos os ollos a cousas que de xeito individual non veriamos". No seu caso, ademais, a idea inicial evolucionou dende un café bar turístico a un servizo integral que lle abrirá moitas máis portas profesionais. 

Algo semellante foi o que lle aconteceu a Raquel Calleja, quen, despois duns anos lonxe de Galicia, voltou a Celanova e tratar de crear o seu propio posto de traballo na vila. Se ben nun principio a súa idea rondaba un proxecto relacionado co turismo, foron as oportunidades contempladas no transcurso do programa as que a animaron a ter en conta a súa experiencia como xestora de proxectos no ámbito da cooperación ó desenvolvemento. Actualmente, a súa opción empresarial pasa por brindar apoio a novos emprendedores que, coma ela, precisan axuda na "identificación da idea, a busca de financiación e o acompañamento para a sostenibilidade futura", segundo indica. 

Tamén polo camiño foi variando o proxecto inicial de Daniel López. "Inicialmente era un piano bar pero acabou converténdose nunha sorte de confluencia de servizos creativos, sobre todo na composición de música orixinal para diversos medios", explica. No seu caso, ademais, considera que, de non ser pola súa participación no coworking, o proxecto "posiblemente estaría esquecido" e que, algo que "adoitaba facer de vez en cando", como é compoñer, "non se me ocorrera convertelo no meu traballo".

O Espazo Coworking -organizado pola Escola de Organización Industrial (EOI ) e o Igape- volverá a Celanova o novo curso e o prazo de presentación de solicitudes permanece aberto ata finais deste mes.

Te puede interesar