LITERATURA

Aquí vai haber sangue

ameixeiras
photo_camera O escritor Diego Ameixeiras.

Repasamos os dez anos de traxectoria literaria de Diego Ameixeiras

A primeira vez que lin as andanzas do detective Horacio Dopico non puiden evitar procuralo polas rúas do Couto. Imaxinábao compartindo cervexas con algún confidente no Auriense ou fumando apoiado na porta no desaparecido Rock Club. Horacio era invención de Diego Ameixeiras (Lausana, 1976), protagonista absoluto de Baixo mínimos (Xerais, 2004) e O cidadán do mes (Xerais, 2006). Ameixeiras no só creaba un Philip Marlowe á galega, unha nova raza de personaxes, urbanos e galegofalantes, transformaba Ourense no escenario perfecto de crimes, narcotráfico, corrupción política e sede de grupos terroristas nacionalistas. O propio Ameixeiras, fiel seguidor de autores como Chester Himes ou Raymond Chandler, considera estas dúas novelas a súa particular homenaxe ao hard boiled norteamericano.

No 2006 sorprendía a propios e estraños gañando o Premio Xerais dese ano. O triunfo chegáballe da man de Tres segundos de memoria, título extraído da canción do Sr. Chinarro, Dos besugos. Ameixeiras abandona momentaneamente o xénero negro para presentar unha obra que a pesar dos anos transcorridos dende a súa publicación non deixa de ser actual. O argumento céntrase nun mozo de trinta anos, un tipo normal con estudios universitarios condenado á precariedade laboral. Os seus ligues, os seus amigos, a súa ex moza configuran un universo que nos recorda demasiado ás nosas propias vidas. A linguaxe empregada fuxe de tabús sociais e culturais. Fálase de cine, literatura, música, sexo e sexualidade coa axilidade de personaxes que dalgunha maneira se auto enganan, non poden deixar atrás unha adolescencia tardía que se espesa no tempo.

Tres anos despois publícase Dime algo sucio (Xerais, 2009). Regresamos unha vez máis ao xénero negro. Ameixeiras é un animal literario de rápida evolución. O seu estilo vólvese aínda máis persoal e ácido. Aínda que predomina o narrador en primeira persoa, a pegada da súa labor como guionista da TVG (Terra de Miranda, Os Atlánticos, Matalobos) é evidente nestas vidas cruzadas de final retorcido. Oregón, un ficticio Ourense, é testemuña muda de todo o acontecido. Traducida ao castelán por Pulpbooks no 2011, recibiu o Premio Especial do Director da Semana Negra de Xixón dese mesmo ano.

Con Asasinato no Consello Nacional (Xerais, 2010) o autor parte da realidade, a dimisión de Anxo Quintana como Portavoz Nacional do BNG, para amosar as loitas internas do partido. O título é unha clara alusión ao Asesinato en el Comité central de Manuel Vázquez Montalbán co que presenta numerosos paralelismos e contrastes (BNG e PCE, Alberte Cudeiro e Pepe Carvalho). Malia a polémica suscitada dentro dalgúns círculos do BNG a novela foi un todo un éxito de vendas.

En Historias de Oregón (Xerais, 2011) deixamos a Compostela das intrigas políticas, trasladámonos de novo ás rúas do Oregón de Dime algo sucio. Vidas entrelazadas de personaxes marcados pola inxustiza das sociedades urbanas. Perdedores abrasados polo verán ourensán. Esta obra resultaba vencedora do Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia.

O narrador de Ameixeiras depúrase con cada nova publicación. Esta visión sintética da realidade arrastra ao lector páxina tras páxina. Só nos informa dos acontecementos e sucesos vividos polos personaxes. Non opina, non xulga. Fotografía a sociedade galega cunha crítica social implícita sen chegar a moralizar. Elaborada economía de palabras e recursos, diálogos áxiles e directos, estas son algunhas das marcas da casa presentes nas súas seguintes obras. A aparición real dun submarino transportando importante cargamento de droga na ría de Vigo serve de arranque en Todo Ok (Xerais, 2012). Seguiulle Matarte lentamente (Xerais, 2013) na que a crise, a estafa preferentes cobran especial protagonismo. Persoas cotiás ou que viven ao marxe da legalidade para confluír no instinto de supervivencia tan predominantes nas tres últimas novelas de Ameixeiras. A vinganza, os desexos escuros, a inxustiza e as frustracións máis profundas levan ao sangue. As cidades e os seus habitantes son poboadores de selvas de pedra que non conceden xamais segundas oportunidades. Esa selva é Compostela en Conduce rápido (Xerais, 2014). Dous irmáns, Erika e Samuel, que malviven no barrio de Vite, un roubo na praza das Praterías, un golpe de sorte que semella ser o cambio definitivo na vida dos irmáns, delincuentes habituais, unha partida de póker son, entre outros, os ingredientes desta vibrante historia que vai gañando intensidade a medida que avanzan os catro días nos que está relatada.


Publicación a publicación, Diego Ameixeiras confirmouse coma un dos escritores imprescindibles da literatura galega actual, renovador da novela negra e retratista rigoroso dos nosos tempos. Non vivimos, sobrevivimos.

Te puede interesar