LITERATURA

Araguas: “Agora xa foi' é unha obra complexa para quen desfruta da lectura”

ourense. 15 octubre 2010. vicente araguas
photo_camera Vicente Araguas.

O escritor de Xuvia reedita 15 anos despois a súa primeira novela publicada

 Quince anos despois de publicar 'Agora xa foi', o autor de Xuvia, Vicente Araguas reedita coa editorial ferrolá Embora, esta novela curta, ou 'nouvelle' como así a describe o autor, na que traslada o lector ao Ferrol do ano 1971, na que un pequeno grupo de xoves militantes de esquerda trama unha acción política durante un encontro do Racing de Ferrol no antigo estadio do 'Inferniño'.

Araguas, ademáis de prolífico no traballo e audaz no seu falar, confesa que "Agora xa foi merecía unha segunda oportunidade trala primeira publicación. Penso que é unha novela que non tivo a saída que merecía no seu momento por motivos que non veñen a conto neste momento a pesar da boa crítica, e agora con Embora, unha editorial de Ferrol coa que teño moito contacto penso que será mellor".

A historia, que discurre en varios lugares da cidade en soamente tres días e co amor entre Fandiño e Natalia como nexo de unión de toda a historia é "certamente complexa, porque a vida é complexa. Ten 'flashbacks', ensoñacións, fútbol, amor, ciumes...penso que é un libro para xente que desfruta da literatura, de quen lle quere adicar un bo momento a ler, complicándose un pouco a vida á hora de reconstruir a historia e ser cómplice a un certo nivel de intelixencia co autor da obra", afirma coa tranquilidade que da ter xa varios libros con boa aceptación no mercado.

Con 45 anos de traxecto entre o tempo da obra e o día de hoxe, o autor nega un posible paralelismo da xuventude daquel tempo coa de hoxe xa que "aínda que pareza mentira o panorama laboral está moito máis complicado paradóxicamente que naquel tempo. Daquela era todo moi diferente, primeiro porque estábamos nunha dictadura cotrosa e agora imos a camiño doutra cultura e outra civilización" e cuestionado sobre se considera que un grupo de activistas como aquel sería capaz hoxe de facer algo como o que sucede na novela, Araguas ten unha visión clara e contundente: "En absoluto. Agora a xente xove está moi ben mantida e non creo que sucedese".

Despois desta reedición de 'Agora xa foi', o escritor e profesor galego xa está a traballar "na publicación da traducción despois de tres anos de traballo de Leviatán, tamén na traducción dun libro, a publicación por fin da miña tese doctoral, 'O Mundo poético de Bob Dylan' e un libro infantil, o certo e que teño un ano 2016 bastante cheo de proxectos", remata o escritor da comarca de Ferrolterra.

Te puede interesar