Neira Vilas, por cuarta vez

<p></p>
photo_camera Neira Vilas asina un exemplar de "Espantallo amigo" a un cativo tras a obra de teatro en Ourense.

O home que morreu catro veces escribiu as mellores tres primeiras frases da literatura galega. Os seus amigos perfilan a un "bo e xeneroso" que só puido amolar ao Che Guevara. Un galego sempre, ata cando era cubano. 

Morreu Neira Vilas por cuarta vez. A primeira vez que finou foi cando abandonou Gres para marchar a Bos Aires. Despois morreu para chegar a Cuba, e outra antes de voltar para vivir a última: "Eu tiven catro vidas" introducía as súas conferencias Pepe de Vila de Cruces.

Xosé era un Balbino ben: un rapaz de aldea, coma quen di, un ninguén (sic). Mais era todo o "probe" que o amplo salario dun pai carteiro permitía. Neiras Vilas era un home "bo e xeneroso" fotografado así polos seus amigos; pero sobre todo un home de comezos:

- Quen é? -chamaron a casa de Manoel Carrete, presidente do Centro Galego de Barcelona-.

- Son eu carallo, quen vai ser, Neira Vilas! -respostou-.

Dunha ocasión sonou o teléfono da revolución: o teléfono do Che Guevara.

– Ernesto, ¿qué hay de la fábrica? -un negocio con Isaac Díaz Pardo-.

- Mira, gallego, no me vuelvas a hablar de la maldita fábrica -espetoulle o profeta de Cuba, onde chegaron o día que Hemingway se disparara un tiro na cabeza-.

O escritor foi galego sempre, ata cando era cubano. Érao por obra e graza de Anisia, a súa muller de Celanova, perfila Afonso Vázquez Monxardín. Ela tivo, alomenos, o mesmo éxito literario que el: foi autora dunha biografía de Guevara que se converteu nun best-seller nas escolas cubanas.

Neira carrexaba co oxímoron de ser o autor da obra máis "vendida da lingua galega antes do seu ensino" e ficar sempre un paso por tras do 'stablishment' cultural da Galicia "das fundacións e as autopistas", convén Monxardín."Era un gran galeguista, de cabeza e corazón", di Carrete.

Fraga amosou sensibilidade por el. Monxardín precisa que ambos eran xente dunha idade, emigrantes en Cuba con esa química propia dos que non están dacordo: Don Manuel pedía gaitas para chorar, Vilas requeriu a María do Ceo que lle cantara fados na súa casa de Gres; como conta Xavier Casares, presidente do Liceo de Ourense: "Nun intre na súa casa, foi buscar un anaco de papel onde tiña todos os chistes que nos quería contar. Era marabilloso ver como desfrutaba da nosa compaña".

A relación coa provincia foi referencial. Visitaba a Otero Pedrayo en Trasalba. Os dous necesitaban zugar o sangue novo que arredaba ao seu carón ata que se lle quedaba figura de seren eternos. Era habitual do Centro Ourensán de Bos Aires e de preguntar por Marcos Valcárcel cando pisaba a cidade.

Aqui tiña éxito. Tanto que "Memorias dun neno galego" se converteu no libro dos deputados e senadores: o primeiro en galego de Rosendo Fernández, o preferido por Xosé Ramón Pérez Bouza.

Fixo "todo o que se podía facer por Galicia" menos un pouco para non asoballar. Morreu por cuarta vez na súa casa de Vila de Cruces entre papeis nos que preparaba conferencias, contos e pezas literarias. Preto do Sempre en Galiza que Castelao lle asinara e garda con mimo na súa Fundación.

A noticia do falecemento chega no momento no que aínda nos estamos decatandando de Neira Vilas. Ou sexa, do que somos. Por eso, honesto ata o final, mantivo o tipo e escribiu o peor final posible . El era un home de comezos.

Te puede interesar