O Festival SonRías Baixas chega esta semana a Bueu con Ska-P e Goran Bregovic como cabezas de cartel

O escenario principal, no Recinto da Estacada, abrirá as súas portas o venres, día 19, ás 21.30 horas, cos vigueses Aphonnic

O XIII Festival SonRías Baixas encherá esta fin de semana de música e de "festivaleros" a localidade pontevedresa de Bueu, á que levará, como cabezas de cartel, os concertos de Goran Bregovic e a banda Ska-P.

Jordi Lauren, Diego Fernández e Berta Domínguez, representantes de Troula na Banda, organizadora do Festival, presentaron este martes o programa da edición 2014, que arrancará o xoves, día 18, ás 23.00 horas na sala Aturuxo, coa Troula Benvida, na que participarán os Caveira Collective, cunhas tres horas de espectáculo.

O escenario principal, no Recinto da Estacada, abrirá as súas portas o venres, día 19, ás 21.30 horas, cos vigueses Aphonnic, que "defenderán a enorme calidade do seu rock atemporal e potente".

A continuación será o momento dos madrileños Ska-P, unha das bandas máis agardadas desta edición, que traerán "toda a enerxía combativa dos barrios obreiros" nun dos poucos concertos que ofrecerán na península antes de retirarse por unha tempada. Seguiranos os cataláns Txarango, que volven ao SonRías pola porta grande despois de percorrer os escenarios de media Europa. A noite do venres pecharana os Alamedadosoulna.

CASA SORRÍAS

O sábado a actividade comezará ás 13.00 horas no recinto de concertos, coa reapertura do Casa SonRías, un restaurante singular no que os músicos cociñan en vivo para o público, que pode degustar despois o resultado en formato tapa por un prezo axustado.

O Casa SonRías 2014 contará con tres 'RockChef' de excepción: Txikitin, de Ska-P, coa axuda de Pinky Rat-Zinger, que cociñará piperrada de txistorra; Tonhito de Poi, axudado por Enrique Otero, que cociñará unha tradicional caldeirada de peixe; e Juankar, de Boikot, que se atreverá cunha orixinal ensaladilla de polbo.

GORAN BREGOVIC

Xa pola noite, o Escenario Troula na Banda abrirá de novo ás 21.30 horas cos vigueses The Soul Jacket, que están a punto de estrear o seu segundo disco. Seguidamente chegará un dos pratos fortes do festival, o concerto de Goran Bregovic, que leva 8 anos sin visitar Galicia e que ofrecerá xunto coa súa Orquestra de Vodas e Funerais "a festa xitana máis explosiva, asombrosa e emocionante do continente," un espectáculo musical que leva facendo anos bailar ata a extenuación os públicos de todo o mundo.

Os valencianos Lana Raíz "conquistarán despois o público coa forza, rabia, desenfreo, festa e protesta dun directo que está arransando nos festivais máis importantes do Estado". E pecharán a noite, e o festival, os sevillanos Reincidentes, que ofrecerán en Bueu o seu único concerto do verán en Galicia, dentro da xira de celebración dos seus 30 anos sobre os escenarios.

Jordi Lauren salientou do completo cartel musical don SonRías Baixas o "éxito sen precedentes e dobre" que supón que "tanto Ska-P como Goran Bregovic farán un espectáculo de dúas horas de duración, algo moi pouco habitual nos repertorios de festival e que sen dúbida o público agradecerá".

AGRADECEMENTO AO PÚBLICO

Lauren mostrouse tamén moi agradecido coa resposta do público. "Nós fixemos, como todos os anos, o esforzo de manter o prezo máis axustado posible para un cartel con estrelas deste nivel", indicou, "pero tamén agradecen o esforzo que fan os festivaleros e festivaleras por facer ese desembolso e acompañarnos, unha vez máis, nesta experiencia".

"As entradas van vendéndose a bo ritmo e confiamos en repetir éxitos das edicións pasadas", concluíu o responsable.

Te puede interesar