“O BNG é a clave para que o 25-S haxa un cambio real"

photo_camera Ana Pontón.

Porque Ana Pontón (Sarria, 1977) comezou a militar en Galiza Nova aos 16 anos, leva no Parlamento galego dende o ano do 2004 e agora asume o reto de que o BNG continúe latexando no Hórreo nun momento difícil para o nacionalismo.

Quiso ser xornalista pero por un erro na selectividade acabou en Ciencias Políticas. Cousas do destino. Porque Ana Pontón (Sarria, 1977) comezou a militar en Galiza Nova aos 16 anos, leva no Parlamento galego dende o ano do 2004 e agora asume o reto de que o BNG continúe latexando no Hórreo nun momento difícil para o nacionalismo. Viviu tempos e campañas con vento a favor, pero a candidata á presidencia da Xunta non cre "na nostalxia nin na queixa como actitude vital, miro sempre cara adiante, con optimismo e sorriso". 

O outro día Manuel Baltar comentou que despois de Feijóo vostede amosou solvencia no debate e as demais forzas da oposición so dixeron barbaridades. É iso bo ou malo?

O que todos e todas esperábamos que Baltar dixera é que dimite pola grave acusación e as conversas pedindo sexo a cambio de emprego. É o único que teño que dicir dese individuo. 

Vostede gañou o debate para os internautas pero as enquisas non din que o BNG manteña os votos.

As enquisas son enquisas e a que vale é a do 25 de setembro. Penso que estamos facendo unha campaña ilusionando a moita xente, con optimismo e estou convencidísima de que imos ter un bo resultado o día 25. Ademais esa é a clave para que realmente derrotemos ao Partido Popular e abramos un tempo novo para Galicia. Sen entrar no detalle das enquisas, o que din é que o BNG réstalle escanos ao PP e a muleta do PP, que é Ciudadanos. Somos a clave para que o 25 de setembro haxa un cambio real que deixe atrás as políticas do PP.

Cal sería un bo resultado para o BNG?

Un bo resultado vai ser o que decidan os galegos. A min non me gusta facer porras nin prognósticos. Collendo esa coña, é moi difícil facer prognósticos para o futuro, é máis fácil facelo para o pasado.

Vostede ten callo en moitas campañas, que lle di a experiencia, que percibe?

O que percibo é que hai unha vontade maioritaria de moitas persoas que queren que realmente se produza unha mudanza e que ven no BNG unha alternativa cun proxecto sólido, solvente e con ambición de país. 

Que facía e onde estaba cando o BNG foi segunda forza política?

Pois xa estaba no BNG, estaba facendo campaña. 

Eran mellores tempos...

Eu non creo na nostalxia nin na queixa como actitude vital. Unha ten que mirar sempre para diante, con optimismo, defendendo neste caso o proxecto que considero bo para que os galegos poidan mellorar as súas condicións de vida, que avancemos como país e sempre cun sorriso na boca; que nestes tempos tan tristes agradécese moito. 

Se Feijóo volve sacar maioría absoluta, incluso superando os 41 escanos, de quen é a culpa ou a quen lla botamos?

Non son moito de culpa. Sei que está instaurado na nosa mentalidade pola influencia do cristianismo, pero estamos nun proceso electoral e imos ver cal é o resultado. Eu estou convencida de que a partir do día 25 podemos abrir un tempo novo da man do BNG. O que é moi importante é que as persoas que están descontentas co que está pasando non se queden na casa. O BNG é garantía de que imos cambiar as cousas para mellorar a vida dos galegos e das galegas. 

O outro día en Ourense lembraron os 40 anos de traballo do BNG nas institucións. Suárez Canal fixo un potente relato dos feitos, por que non calla a mensaxe?

Creo que demostramos cando se nos dá a oportunidade, como no debate, que a nosa mensaxe é clara e calla en moitas persoas. Gustaríame que neste país houbera máis debates porque creo que reforza a democracia para que os cidadáns poidan escoitarnos sen filtros. Tamén é evidente que hai ciclos políticos, momentos nos que o BNG tamén cometeu errores, pero hoxe estamos nunha nova etapa, nun ciclo novo e fortalecidos polo que fixemos mal. Eu son optimista de cara o futuro. 

En que sería mellor Galicia se o PP non goberna?

Sobre todo creo que Galicia sería mellor se o BNG gobernara porque seriamos un goberno que estaría disposto a defender a este país, fortalecendo todo o potencial dos nosos sectores produtivos, facendo unha aposta estratéxica pola innovación e ao mesmo tempo rescataríamos os servizos públicos para que tomemos o control dos nosos recursos, das nosas vida e poidamos decidir en liberdade. 

Non semella que a carreira é por quen vai quedar segundo e o BNG quedou descolgado?

Quen decide cal é a representación que cada organización política ten son os cidadáns. Nós presentámonos para gobernar este país, temos proxecto, unha candidatura sólida, temos experiencia e solvencia e logo hai que aceptar o que digan os cidadáns nas urnas. 

Ten vostede algunha preferencia nesa carreira?

A miña preferencia é Ana Pontón e o Bloque Nacionalista Galego. 

Que lle chega das campañas dos rivais?

O que me está dicindo moita xente é que o BNG está facendo a mellor campaña con diferenza, con propostas, con empuxe, optimismo, ilusión e entusiasmo. Tamén me choca, e non a min, que no PP desapareceron as súas siglas. Semella que Feijóo quere fuxir do PP porque non so é o partido do paro, senón tamén da corrupción.

Outros candidatos á Xunta do  PSOE e de En Marea son ex militantes do BNG. Son canteira?

O BNG é unha canteira e un proxecto propio, xenuíno deste país e estou convencida de que o nacionalismo é vital para que Galicia teña futuro. 

Dixo vostede que polo BNG non vai quedar o cambio

(Interrompe) Creo que o que máis levo dito porque é a pregunta que máis me fixeron nos últimos tempos.

Ten algunha preferencia entre PSOE ou En Marea?

BNG sempre. 

Cre que a Xunta esqueceuse de Ourense?

Ourense, igual que outros territorios do interior de Galicia, están claramente marxinados por uns deseños nos que se eliminaron os seus sectores produtivos e non houbo ningún tipo nin de aposta. Eu coñezo bastante ben a provincia de Ourense e é unha zona que ten un potencial importantísimo tanto dende o punto de vista dos seus recursos naturais, os seus recursos patrimoniais, o seu potencial turístico cos balnearios... O que falla é que o Goberno confíe nas potencialidade do país e iso é o que aportaría o BNG a Ourense. 

É a receita?

É evidente que é unha zona que necesita claramente medidas de acción positiva para poder acadar o reequilibrio territorial porque a fenda que se está establecendo entre a franxa atlántica e o interior é un grave problema que pon de manifesto os deseños das últimas décadas. 

Cantas veces lle preguntaron nesta campaña por Beiras?

Pois moi poucas, creo que é a segunda. 

Quere falar del?

Non lle vou a marcar as preguntas. 

Dixo o outro día que Beiras a decepcionou.

Creo que non é unha novidade nin a primeira vez que o digo, é unha persoa que me decepcionou. 

 “O titular que me gustaría ler o 26 é que Galicia ten unha presidenta nacionalista"

 

Pois xa que non é unha pregunta orixinal deixemos a Beiras. Por que necesita Galicia un nacionalismo forte como dicía antes?

Para mellorar os servizos sociais necesitamos un proxecto que pense nas necesidades do país e que estea disposto a acabar co espolio de décadas en enerxía, aforros ou impostos. Fronte a ese mito de que somos un territorio que vive da solidariedade do Estado, cando analizamos as contas saen ao revés. En Galicia o Estado recauda moito máis do que inviste. So en impostos, se tiveramos unha facenda propia teríamos anualmente 3.000 millóns de euros máis para atender as necesidades da sanidade, da dependencia, da creación de emprego... A alternativa non pode ser converternos nun país de turismo e que nosa mocidade traballe de camareiros na tempada de verán. Este país necesita un goberno nacionalista que teña un proxecto económico alternativo. 

Por que os galegos non o saben?

Non me gusta berrarlle a ninguén nin botarlle a culpa aos galegos senón explicar a nosa alternativa . 

Segue crendo que Feijóo non rematará a lexislatura?

Feijóo é un candidato fraude. Xa dixo que se non sacaba maioría absoluta marchaba e estou convencida de que probablemente marchará, aínda con maioría, a facer negocios alén do Atlántico porque cando intentou saltar a Madrid déronlle coa porta nos fuciños. 

A campaña está sendo bastante cordial respecto ás pasadas...

Nos estamos facendo unha campaña de propostas e o PP está facendo a única que pode, que é a do medo. Hai unha diferencia notable, para min sería moi fácil sacar as fotos de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado ou do seu amigo o conseguidor Pachi Lucas, pero prefiro facer propostas porque ao presidente da Xunta xa o coñecemos todos. 

Ten que ver que haxa tantas candidatas, porque en Ourense catro mulleres encabezan as listas?

Aquí dáse unha casuística bastante particular. O reto é feminizar a política porque axudará a que avance a igualdade. É un paso adiante, pero cando falamos do tema é porque a igualdade real non existe neste país. 

Vostede quixo ser xornalista, que titular lle gustaría ler o día 26 de setembro?

Pois que por primeira vez na Galicia hai unha muller presidenta nacionalista. 

Que titular escribiría se Feijóo consegue a maioría absoluta?

E que non o contemplo como unha opción real. 

Te puede interesar
Más en Elecciones 25-S