CxG reclama en Ourense unha reforma do Estatuto

OURENSE. 21.09.2016 TEATRO PRINCIPAL, MITIN CXG. INTERVIENEN NESPEREIRA, MOSQUERA E BASCUAS. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Xoán Bascuas, no centro, rodeado de parte da candidatura de CxG, onte no Teatro Principal.

O Teatro Principal acolleu o acto central da formación galeguista na cidade

Na tarde de onte, o Teatro Principal de Ourense foi esceario do mitin central de Compromiso por Galicia na cidade. Arredor de 100 simpatizantes encheron o patio de butacas e parte do primeiro anfiteatro. Na cita estivo presente o candidato á Presidencia da Xunta, Xoan Bascuas, xunto co cabeza de lista pola provincia, Xosé Mosquera e a número dous da candidatura, Lucía Nespereira. 

No acto, presentado por Iván González, número cinco da lista, Mosquera falou da importancia das provincias do interior. "É preciso darlle ás provincias do interior o que lles corresponde e loitar contra o abandono por parte da administración", proclamou. Reivindicou o papel das provincias do interior exclamando que Ourense "tamén parte do corazón e da alma de Galicia".  

O candidato á presidencia destacou a necesidade de reformar o Estatuto "na busca de poderes propios e da autonomía fiscal para Galicia". Destacou tamén a importancia de reclamar máis competencias para Galicia, proposta común aos nacionalistas e a En Marea. Bascuas falou tamén da necesidade que ten para Galicia "controlar os propios recursos enerxéticos" que se atopan, na súa opinión, "explotados por corporacións de fóra que non atenden ás necesidades do país". "Nós producimos o 40% da enerxía do Estado e non temos ningún tipo de beneficio", afirmou. En apoio aos empresarios e emprendedores, o candidato de Compromiso falou da necesidade de crear "unha institución pública de crédito que recupere o espírito das caixas de aforro" fusionando o IGAPE e o Xes Galicia. 

"En Ourense hai moito talento. Queremos que os mozos e mozas que rematan aquí os seus estudos desenvolvan a súa actividade profesional aquí" referiu Xoán Bascuas, ante o aplauso dos asistentes ao acto no Principal.
 

Te puede interesar
Más en Elecciones 25-S