O ‘efecto Pontón' chega a Ourense a tres días do peche de campaña

Ourense. 20-09-2016. Mitin BNG Alameda. Paz
photo_camera Tereixa Paz, Ana Pontón, Noa Presas, Suso Vilasánchez e Diego Lourenzo, onte na Alameda de Ourense.

A candidata acompañou a Presas nun mitin no que reivindicaron ao BNG como "chave para o cambio"

O efecto Pontón chegou a Ourense. Arredor das oita da tarde de onte, preto de 400 persoas se arremuiñaban xa no centro da Alameda para escoitar á candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, acompañando á cabeza de lista por Ourense, Noa Presas.Unha hora antes, un pasarrúas percorría o casco vello da cidade para reivindicar que "se queremos abrir un tempo novo, é tamén para sermos máis felices", coma o partido publicaba no seu Twitter. As 240 cadeiras que a organización nacionalista dispuxo na praza terminaron ficando escasas. 

Percibíase ese ambiente de remontada 'in crescendo' apoiado polo debate da pasada semana. Mesmo a música do pasarrúas foi recuperada no propio acto coa actuación do cantautor Roberto Sobrado.

Presas e Pontón estiveron acompañadas pola exdeputada Tereixa Paz, o tenente de alcalde de Verín e número 6 da candidatura por Ourense, Diego Lourenzo, e polo número 2, Suso Vilasánchez.

Os asistentes recibiron en pé a chegada de Pontón, que segue a gañar en popularidade a medida que se vai achegando a cita coas urnas.

"Con Feijóo somos unha especie en extinción" afirmou Tereixa Paz, que recibiu a homenaxe dos simpatizantes polo traballo desenvolvido no Parlamento. "Nin unha soa cifra avala a Feijóo en Ourense, que nestes anos votou contra todo o que podía ser un revulsivo para esta provincia", subliñou Paz.

Presas reivindicou a súa candidatura como "a chave para que Feijóo perda a maioría absoluta". "Teñen medo e por iso non se atreven a debater con Ana Pontón, porque temos argumentos e proxecto para o país", exclamou a candidata. 

Consciente de que o tempo de campaña está a piques de rematar, Presas lembrou que "quedan só 75 horas e xogámonos que ninguén dos que estamos aquí teñamos que marchar, que os que marcharon poidan volver, que nesta década o ensino e a sanidade sigan sendo públicos e termos a oportunidade de decidir sobre os nosos recursos".

A candidata á presidencia foi a encargada de fechar o mitin. Chamou a votar ao BNG cun "sorriso" contra un Partido Popular "que mete medo á xente". 

Pontón aproveitou para sinalar que son alternativa a Feijóo afirmando que "o BNG ofrece unha coalición de dignidade tralo 25-S" e mesmo atacou aos líderes da esquerda estatal recriminando a Sánchez e Iglesias que veñan a "reivindicar o cambio a Galicia, logo de ter revivido a Rajoy en Madrid". Os nacionalistas xóganse, o domingo, o seu futuro. 

Te puede interesar
Más en Elecciones 25-S