ENTROIDO 2018

Entroidízate: O fútbol Cristiano

ronaldoSS
photo_camera La careta de Cristiano.

O señor da careta é portugués e xoga ao fútbol. É da Illa de Madeira. Ten unha escultura no aeroporto de Funchal no que aparece feito un antroido, ou sexa, unha figura grotesca.

O fútbol é un pasatempo curioso. Dous grupos de señores noviños con pantalón curto e camiseta danlle patadas a unha pelota. Uns corren para un lado, outros corren para outro. E hai outros dous homes máis que tratan de que a pelota non pase dunha raia pintada con cal que hai entre dous postes, a ambos lados da herba. Estes señores, de aburrírense, poden apoiarse nun dos postes, ou falaren cos que teñen ao lado, aínda que normalmente lles din cousas que os incomodan para distraelos. E sempre, cando xogan en serio, hai tres señores máis, de negro, pero que non van de loito; un corre por dentro do campo cun chifre na boca e outros dous por cadanseu lado con bandeiriñas na man como nenos correndo detrás dun coche. E míranse moito. Seguramente xa teñen oído falar deste pasatempo, chámanlle fútbol, ou sexa, traducindo do inglés, “pepelota”. 

Antes, nos patios dos colexios, polo menos no do Curros Enríquez, xogábase algo parecido: diciámoslle “o rebumbio”. Era divertido. Só había unha portería -chamémoslle así ao espazo entre dúas pedras, ou dúas chaquetas, ou dous árbores, ou a porta dun garaxe-. Ao que lle tocaba estar nela, botaba a pelota para atrás, sen mirar, e rapidamente todos os demais pelexaban entre eles por ver quen era o que lle tiraba o correspondente chute, a ver se a metía ou non. Claro que, normalmente, se podía pactar que non valía “furar”, isto é non valía meter un “fungueirazo” excesivo para non mancar ao que collese polo medio. 

A verdade é que sempre fun malo, malo, no tema; e non fai falta que llo xure. O número de xogadores dos rebumbios era flexible, case diría ilimitado. Pero o do fútbol con regras, ten un número que non sei ben cal é. Seica son once ou doce, pero non sei se incluíndo o porteiro ou non. De todas maneiras, de teren interese especial en saber o dato exacto, fácil lles será topar a quen o saiba.

O señor da careta é portugués e xoga ao fútbol. É da Illa de Madeira. Ten unha escultura no aeroporto de Funchal no que aparece feito un antroido, ou sexa, unha figura grotesca. Seica gaña moito diñeiro, ri moito, urra como un mono cando as cousas lle van ben. Encabúxase e cospe ao chao cando as cousas se lle torcen, gústase moito e xoga moi ben, moi ben. Tamén o di el. Os seus detractores, que os hai, opinan que chupa moito a pelota, ou sexa non lla pasa aos compañeiros e quere meter el todos os goles. Supoño que iso é o que queren todos, e el sabe facelo e os outros non. Iso din, porque nunca vin un partido enteiro. O que si sei é que é case medio de Ourense. Case. Ten casa -unha delas, a súa preferida, din- a menos de cen quilómetros do estadio do Couto. No lugar de Valdosende, ao pé do río, nunha encrucillada de augas portuguesas do río Cádavo, preto de Caldas do Xeres, despois do paso de Portela do Home. Un dos sitios máis bonitos do mundo, se cadra. 

Debe ser boa xente. Non o coñezo. Teño oído falar del, claro. Pero coñecer, coñecer, non. Só coñezo á xente coa que falo e á que lle leo os ollos. Dos outros, si, fálanme, pero non podo tocar de oídas. Del sei, si que se chama Cristiano, porque o é de familia. Que axuda aos seus, cos cartos que gaña. Chámase Ronaldo porque á nai lle gustaba moito o Ronald Reagan, un actor que foi presidente de Estados Unidos e que pensabamos non podía haber nada máis raro, e haber haino. A apelídase Dos Santos Aveiro, porque é portugués, sen máis. E cumpriu anos o día 5 de febreiro. E traza leva de superar a idade de Cristo, pois desde este 2018 ten xa 33.

O rapaz ten moitos valores positivos: superación, esforzo, traballo, éxito. Por iso está ben unha careta como esta para engaiolar nenos. (Nin comparación co coreano ou co americano ou co catalán, si co noso Luisiño Cepeda, boa xente.) Ademais está rindo. Vénselle os dentes ao futbolista. Boa cousa. Alegría que non falte. Moita queixa non terá da vida. Iso que se cadra son implantes. Seguramente. Porque moito non os gasta. Non ten pinta de rillar moito chourizo de cebola, moita cachucha, moita orella. Se o fixese, non tería a “tableta” que loce, exhibicionista, cando marca un gol. En fin, coma vostede nin eu xogamos no Real Madrid, e creo que algo menos ca el debemos gañar, se cadra non estaba mal que nos désemos un pouco a isto do cocido e da “divirtición” neste tempo de transgresión e antroidada. Porque pode o CR7 ter unha marca de calzoncillos, cartos para comprar un avión, vinte e dous coches dos máis caros que haxa, pero por moito que faga, só ten un cu para sentar neles. E seguro que non pode comer un cocido mellor que o que comemos calquera de nós na casa. E seguro que tamén vive máis tranquilo calquera que non teña a alguén sempre ao seu rabo mirando o que fai e tratando de sacarlle fotos e comentado a súa vida. Somos, meus señores, moito máis libres. Ninguén no seu san xuízo envexaría unha vida nunha gaiola de ouro; creo eu. E como a liberdade non ten prezo, dígollo en serio, creo que somos ben máis ricos ca el. Outro diría que non se conforma quen non quere, claro. Eu que sei. Ben. Divirtámonos. Viva o Entroido. Viva o Carnaval. Viva Cristiano Ronaldo. Viva e beba vostede. Viva e beba eu. Vivamos e bebamos os homes e as mulleres libres “de noso”.

Te puede interesar