Galicia

Santalices cre que a Feijóo "non lle queda outra" que repetir mandato por respeto ao Xacobeo

O presidente do Parlamento galego tamén falou, nunha entrevista concedida á Cadena Ser Galicia, da caldiade de inmunidade dos deputados ou das polémicas declaracións do alcalde de Vilanova de Arousa

O presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, cre que ao actual titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "non lle queda outra" que revalidar o seu mandato por unha cuarta lexislatura porque esta, continúa, inclúe o Xacobeo, que "non é un asunto co que se poida xogar".

Nunha entrevista concedida este domingo á Cadena Ser, o xefe do Pazo do Hórreo declarou que é "bo" que o presidente galego volva presentarse aos comicios autonómicos previstos para 2020 porque "sempre puxo a Galicia por diante de todo".

"Se Galicia o vai necesitar, sempre vai dar o paso. E Galicia vaino a necesitar porque por diante temos o Xacobeo, que ten que estar ben organizado"



Preguntado sobre o Debate polo Estado da Autonomía, celebrado esta semana no Lexislativo galego, Santalices valorouno como "dentro da normalidade" e con propostas "interesantes" por parte de "todos" os grupos con representación -PP, En Marea, PSdeG e BNG-.


Facendo balance dalgúns dos momentos máis tensos vividos no seo do debate parlamentario, Santalices admitiu que o que máis lle molestou foron as alusións ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, como abusador sexual por parte do portavoz de En Marea, Luís Villares


"Non se pode facer unha afirmación dese calibre en sede parlamentaria cando ademais esa afirmación non é certa (...) porque xa nin xuízo houbo. Houbo un arquivo polo fiscal e pola xuíza", censurou.


Inmunidade dos deputados


Neste sentido, o presidente do Parlamento galego abriu o debate sobre a inmunidade dos deputados no hemiciclo, ao que propuxo que a restrición deste dereito "sería desexable" porque así o quere tamén "a cidadanía", á que, tal e como afirmou, "non lle gusta que un deputado, amparándose na súa inmunidade parlamentaria, poida dicir cousas que non se axusten á realidade".

Así, Santalices propón unha confrontación política "aberta" e "sempre dentro duns parámetros preestablecidos", sen "insultos, alusións a algo que moleste nin vulneracións á dignidade".


Declaracións do alcalde de Vilanova


En relación con expresións malsonantes, o dirixente do Pazo do Hórreo condenou tamén as "desafortunadas" declaracións feitas esta semana polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán (PP), nas que chamou á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (PSOE), "chacha para todo" do "ancián" e "ditador" alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Tras a censura tamén do presidente da Xunta e dos populares galegos, Santalices empraza ao rexedor local a "pedir desculpas" porque "non hai nada máis digno no ser humano cando se equivoca".

No entanto, o presidente do Parlamento galego cre que outras persoas, como o alcalde da cidade olívica, "debería pedilas tamén" por "determinadas expresións que utiliza con frecuencia".

En canto ao debate sobre a eliminación dos aforamentos dos deputados -a Cámara galega aprobou iniciativas neste sentido por unanimidade-, Santalices opina que isto está subordinado a que, "se a nivel estatal se acorda a súa supresión, non habería problema".

Te puede interesar