EURO

Alejandro Rubín: "Grazas a Termatalia coñécese a Ourense e a súa riqueza termal en todo o mundo"

OURENSE.22.01.2015. EXPOURENSE, ALEJANDRO RUBIN. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Alejandro Rubín.

Alejandro Rubín dirixe Expourense dende o ano 1999. Nestes quince anos, o recinto feiral da cidade das Burgas puxo en marcha 13 feiras.

Para comezar, ¿qué lle parece se me define qué é Expourense?

Expourense é unha fundación de carácter público e privado que nace en 1996. Está representada polo Concello de Ourense, os concellos de San Cibrao das Viñas e Barbadás, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia na parte pública, e Cámara de Comercio, Confederación de Empresarios de Ourense e Abanca, na parte privada. Este dobre carácter, público e privado permite establecer liñas de traballo sobre ámbitos que interesen a esas dúas vertentes, ás institucións e ao tecido empresarial, e que no plano territorial vai dende o local, o provincial, o autonómico, e tamén porque esa é a nosa vocación, ao internacional. Outra das característica moi salientables da fundación e a pluralidade do seu padroado.

Galicia ten tres universidades, tres aeroportos... ¿e cantos recintos feirais?

Foron nove pero dous, os de Ferrol e Vilagarcía xa pecharon. Son sete recintos feirais, e 14 espazos polivalentes nos que se poden celebrar congresos, feiras e outros eventos e 133 empresas organizadoras de eventos.

¿Non son moitos recintos feirais?

Non son poucos. O importante non é se son moitos ou poucos. O importante é se teñen contido para desenvolver a súa actividade ao longo do ano.

¿Cál é o valor diferenciador de Expourense fronte eses outros seis recintos de Galicia?

O primeiro e para min o máis relevante, que Expourense non é unicamente un recinto feiral. Somos continente pero tamén contido. A razón e ben sinxela. Ourense é unha cidade que cando se incorpora á actividade das feiras e grandes eventos a través da fundación de Expourense, xa están no mercado cidades importantes e próximas, e con mellores infraestruturas de comunicación, como son Vigo e A Coruña, cos seus respectivos portos e aeroportos, e coa importantísimas área de influencia a un radio de trinta minutos. Así pois, e posto que non poderíamos esperar que as feiras chegasen a nós, e porque da necesidade sempre xurde o desenvolvemento, puxémonos a ser nós os organizadores de proxectos que, en primeiro lugar tiveran interese para os distintos sectores produtivos do noso ámbito territorial, e que serviran para promocionar eses sectores nun contexto feiral. Foi a necesidade a que fixo que traballáramos máis aló do que outros recintos feirais. E así, mentres outros recintos reciben feiras, nós producimos as nosas. Todos os proxectos que organizamos aquí son propios, exclusivos, e son marcas propiedade da fundación.

Sendo Ourense unha cidade máis pequena e con menos masa crítica no terreo industria e económico fronte a Vigo o A Coruña ¿pode “botar peito”, no que se refire ao seu recinto feiral?

Sempre comezamos con proxectos moi modestos e sempre o fixemos dende o ámbito local pero con vocación de que foran crecendo no tempo. E o certo é que hoxe en día, dos trece proxectos en marcha, que se corresponden con outras tantas feiras, seis son internacionais. E tres deles son internacionais de primeiro orde. Os outros tres son internacionais de segundo nivel pola propia estrutura e actividade á que están orientados. Por poñer un exemplo, Vinisterrae, non ten expositores internacionais porque a súa vocación é precisamente promover o produto do territorio, é dicir, o viño de Galicia e polo tanto non será internacional no que se refire á orixe dos expositores. Pero hai un dato que é moi relevante: das cinco feiras que en España teñen carácter internacional, recoñecido polo goberno central, no ámbito turístico, dúas son de Expourense. E son as únicas de Galicia: Xantar e Termatalia. E Xantar, é única en España. Pero hai máis. Nun sector tan importante para o noso territorio como é o funerario, Funergal, é a única feira na península ibérica.

¿A qué factores atribuiría estes éxitos?

En primeiro lugar aos patróns da fundación. As institucións e o sector privado integrado no padroado aposta por Expourense como instrumento de desenvolvemento do territorio. En segundo, e non é menos importante, é o equipo que traballa para que eses proxectos se materialicen e dende orixes modestos cheguen a ser referentes. En terceiro, porque cada proxecto ten o respaldo das respectivas asociacións sectoriais: das locais, das provinciais, das autonómicas, nacionais e, cando é necesario, das internacionais. Por último, nos comités de traballo están presentes todos os axentes: o institucional, o empresarial e o científico. Porque tamén contamos coa colaboración da Universidade cando o proxecto así o demanda. E cun respaldo tan amplo, o que nos queda a nós é executar os proxectos. Executalos para que teñan retorno.

¿Existe unha cuantificación dos beneficios dunha feira? ¿Cánto do investido nesa feira retorna á cidade que o organiza?

Aproximadamente, por cada euro investido nunha feira, a repercusión na provincia é de cinco euros. Unha repercusión que se materializa no sector hostaleiro, hoteles, restaurantes, etcétera, no sector comercial, nos transportes, etcétera. Pero hai tamén outro retorno que resulta igualmente importante: o social. O impacto social que se mide con outros parámetros. A difusión do territorio a través deses eventos e que propicia que quen participa nunha feira logo regrese de vacacións, coa súa familia e propicie pola súa propia iniciativa que outros do seu entorno se acheguen a Ourense.

En termos de creación de emprego, ¿pódese considerar Expourense como un motor económico?

Iso resulta indiscutible. O redor da organización dos eventos aparece todo un sector económico propio: dende as empresas que montan stands, empresas de azafatas, empresas de seguridade, servizos auxiliares, dende as instalacións audiovisuais, imprentas dixitais, etcétera. Podemos calcular que hai entre vinte e trinta empresas que desenvolven a súa actividade grazas aos salóns e feiras que organizamos en Expourense e que moven cada ano en torno aos 800 expositores.

¿A qué se debe que Termatalia teña tanta referencia internacional?

A esa mesma necesidade da que falaba ao principio, de basear o desenvolvemento dos nosos proxectos dos recursos do territorio. Temos un gran potencial termal. Como recurso en expansión, Termatalia cumpriu un papel, dende o meu punto de vista moi relevante. Pero hoxe en día, é un sector que non aporta novidades en cantidade suficiente como para que haxa unha feira cada ano, como nos seus comezos. ¿Qué facer? ¿Renunciar e organizar unha con carácter bienal? Como tíñamos o respaldo do sector, especialmente no ámbito internacional, decidimos que podería ser interesante que Ourense siga sendo a sede permanente e o espazo de exposición cada dous anos, alternando coa saída ao exterior, alí onde xustamente máis necesitan dun salón destas características. Por iso puxemos en marcha a internacionalización de Termatalia, con feiras nos anos pares, en países de América.

A experiencia é moi positiva, porque grazas a Termatalia coñécese a riqueza termal de Galicia en xeral e de Ourense en particular. Nós temos o coñecemento e eles os recursos cos que desenvolver o turismo de saúde. Os resultados están á vista. Hoxe en día hai 15 delegacións de Termatalia en todo o mundo e tamén a día de hoxe téñense presentado seis candidaturas para acoller a edición de Termatalia de 2016. Termatalia permite que Expourense esté presente nos máis importantes foros mundiais e que participemos en alianzas estratéxicas coas organizacións máis sólidas e relevantes do sector.

Te puede interesar