EMPREGO

A economía social dinamiza a actividade empresarial no rural

Arnoia. 10-07-13. eco agro. Cooperativa San Salvador de Arnoia.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera O sector, que aglutina a 7.000 entidades e 320.000 persoas na comunidade, incrementa a súa competitividade.

A economía social é un sector que segue medrando en Galicia. A súa contribución á actividade empresarial da Comunidade é cada vez maior. 

A economía social é un sector que segue medrando en Galicia. A súa contribución á actividade empresarial da Comunidade é cada vez maior. O impulso que está vivindo este colectivo, que aglutina xa a 7.000 entidades e 320.000 persoas, está incrementando a súa competitividade xerando máis emprego, ao tempo que axuda ao rural a modernizarse dinamizando a súa economía.

No pulo ao sector da economía social xogan un papel destacado as administracións e os axentes sociais. É o caso da Xunta que conta con axudas específicas para este sector e con diversas ferramentas coas que tamén se contribúe ao seu crecemento. Entre os apoios destaca o programa Aprol Economía Social e as axudas á Rede Eusumo, dúas iniciativas das que se beneficiaron este ano 60 cooperativas e sociedades laborais e un centenar de persoas sen emprego que se incorporaron como socios ás entidades. Para iso, a Xunta investiu dous millóns de euros. 

Aprol Economía Social fomenta, dunha banda, con axudas máximas de 82.000 euros, o emprego e a mellora da competitividade nas entidades de economía social. Inclúe catro programas diferentes: incentivos para que as cooperativas e sociedades laborais incorporen novos socios; apoio aos desempregados para que formen parte destas entidades; impulso de proxectos empresariais colectivos; e apoio ás empresas que levan a cabo proxectos de integración, como a fusión ou constitución dunha cooperativa de segundo grao ou de colaboración con outras entidades de economía social para proxectos de I+D+i, comercialización ou internacionalización. 

Estas axudas, ás que se destinaron 1,3 millóns de euros, contaron este ano cun incremento nas contías base, para apoiar a incorporación de novos socios que pasaron de 5.500 a 6.000 euros, e as destinadas aos socios para a achega do capital social aumentaron de 3.000 a 6.000 euros. Nesta liña de apoios, a intensidade das contías crece, ademais, nun 25% para os colectivos máis vulnerables, entre os que se encontran mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, unidades familiares con todos os membros desempregados, cooperativas xuvenís, así como concellos do ámbito rural. 

Doutra banda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 700.000 euros no asesoramento, difusión e formación do emprendemento a través da Rede Eusumo que conta na actualidade con 212 entidades adheridas. 

Son  tres programas de axudas, que poden chegar aos 170.000 euros para fomentar a consolidación das asociacións cooperativas; apoiar aos concellos  e ás entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades no marca desta Rede. A esta liña de axudas súmanse accións directas de formación e asesoramento en materia de emprendemento colectivo.  

A través da Rede Eusumo, creada polo Goberno galego en 2012, constituíronse máis de 120 cooperativas e xeráronse xa máis de 460 empregos directos. Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Xunta para fomentar o cooperativismo e a Economía Social, coa que se pretende promover o espírito emprendedor, prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na Economía Social. 

Na concesión das axudas tívose en conta o peso do emprego feminino no cadro de persoal das empresas. Tamén se valorou a estabilidade nos postos de traballo. 

Estes dous programas de axudas súmanse ao Fondo de Economía Social (FES), dotado con 5 millóns de euros, que a Xunta pon a disposición destas entidades para apoialas financeiramente ás empresas deste sector que en Galicia aglutina a 7.000 entidades e 320.000 persoas.

A actuación forma parte do orzamento global que o Goberno galego destina este ano á Economía Social que ascende a 15,9 millóns de euros, un 8% máis que en 2016, e se enmarca na Axenda 20 para o Emprego que está a impulsar o traballo de calidade en Galicia e prevé a creación de 500 novas entidades de Economía Social. 

Apoio ás entidades sen ánimo de lucro

O labor das entidades sen ánimo de lucro contribúe á inclusión social e laboral das persoas máis vulnerables axudándoas a mellorar as súas habilidades e a atopar un traballo acorde as capacidades de cada persoa. Estas entidades contan con axudas específicas da Xunta para ampliar o seu cadro de persoal coas que se contribúe a que poidan prestar máis e mellores servizos. 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano máis de 11 millóns de euros á contratación de 750 desempregados neste tipo de asociacións que realizan principalmente servizos de carácter social relacionados coa discapacidade e a atención a maiores, nenos ou persoas en risco de exclusión social. 

Invístense, dunha banda, 8,1 millóns de euros para a contratación en xeral de 500 traballadores en 235 entidades e, doutro lado,  3 millóns de euros para a inserción laboral de 250 menores de 30 anos en preto de 170 asociacións, a través do sistema de Garantía Xuvenil, unha orde de axudas que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) en agosto e está en fase de resolución. 

Con respecto á convocatoria dotada con 8,1 millóns de euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar esta iniciativa no DOG. Estes apoios poden solicitarse ata o próximo 16 de novembro. 

A actuación está dirixida ás entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, preferentemente no eido da discapacidade e/ou risco de exclusión social.  A contía máxima da axuda que percibirán as entidades beneficiaras varía segundo o grupo de cotización. O pasado ano, a medida concedida por traballador nos dous programas foi de preto de 15.000 euros. Os beneficiarios deberán estar desempregados e inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia. 

O apoio ás entidades sen ánimo de lucro enmárcase na Axenda 20 para o Emprego coa que o Goberno galego está impulsando o traballo estable e de calidade. Un dos retos principais desta planificación da Xunta é apoiar ás persoas con máis dificultades para atopar un posto laboral. 

Esta actuación complementa ademais outras iniciativas que ten en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria para colaborar coas entidades sen ánimo de lucro, entre as que destacan o programa de contratación de axentes de emprego, profesionais que axudan ás persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social a atopar un posto de traballo.

Te puede interesar