EMPREGO

O emprendemento e a formación impulsan a economía no rural

photo_camera A diversificación e creación de novas empresas permite fixar poboación no rural.

A Xunta pon en marcha este ano, cun investimento de máis de 30 millóns de euros —un 20% más que en 2016— o Programa de formación e emprendemento no rural co obxectivo de fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes

O medio rural de Galicia está constituído por concellos que agrupan arredor do 27% da poboación polo que presenta unha gran oportunidade para a mellora da cualificación e competitividade en sectores específicos. Na Comunidade existen 241 concellos declarados como zonas pouco poboadas. 

A finalidade desta actuación é, deste xeito, incrementar a oferta formativa adaptada á demanda das empresas, incentivar a contratación, aumentar os niveis de emprendemento e fixar o tecido industrial. O novo programa inclúe, para iso, dous eixos: formación e apoio ao emprendemento. 

Para impulsar o emprendemento no rural actívanse 5 medidas. O programa Galicia Rural Emprende, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematou o pasado 2 de maio, é unha nova actuación do Igape dotada con 2,5 millóns de euros que xa se activa para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas no rural. 

Do que se trata é de fomentar a creación de emprego mediante axudas á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias viables. Os destinatarios serán os agricultores ou membros dunha unidade familiar dunha explotación que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrarios, pemes de nova creación ou que inicien actividades non levadas a cabo antes e autónomos. As axudas inclúen unha contía básica de 20.000 euros que poderá incrementarse ata un máximo de 70.000. Ademais, concederase un anticipo do 60% da axuda. 

A creación de 6 laboratorios cooperativos no rural é tamén unha medida innovadora cos que se pretende, coa colaboración da Rede de técnicos de Galicia, identificar oportunidades de negocio para a creación de cooperativas e incentivar a súa posta en marcha. 

Máis incentivos para empresas do rural

Outras das accións previstas neste eixo son, cun orzamento de 1,7 millóns, a mellora dos incentivos á contratación dándolles unha intensidade maior, dun 25%, para as empresas do rural, ao tempo que se impulsará o contrato para a formación e a aprendizaxe en compañías desta zona a través do deseño de itinerarios á carta das empresas. 

Potenciaranse, ademais, con 3,8 millóns, os centros coworking no rural para favorecer o emprendemento a través da interacción nun mesmo espazo de profesionais independentes, emprendedores e pemes de diferentes sectores, e refórzanse as axudas dirixidas aos concellos para a creación de Espazos de emprendemento activos de Comercio. Priorizaranse en todas as liñas de apoios de carácter comercial os proxectos no rural.  

Industrias forestais e Formación á porta 

Para a mellora da empregabilidade inclúense outras 5 medidas. A formación en industrias forestais, un novo plan dotado con 2,3 millóns, aumentará a oferta formativa en forestal, carpintería e madeira nos centros de formación profesional de Economía, Emprego e Industria; consolidará o Centro Integrado de Formación do Pedroso, en Santiago, como centro de referencia na área forestal; potenciar o CIS Madeira da Axencia Galega de Innovación (Gain) como un espazo de  formación para as empresas e técnicos das industrias forestais; e promoverá o Centro de Investigación Agroforestal de Lourizán en materia de investigación. Prevese formar ao ano a 350 persoas.

Este plan inclúe formación para empresas deste sector en innovación, novas tecnoloxías e Industria 4.0; formación profesional para o fomento da implantación de Unidades de formación a empresas; e impulso da Formación Profesional Dual. 

A Formación á Porta, dotada con 1 millón de euros, é outra actuación pioneira coa que se levará ata os concellos que non conten con centros homologados as actuacións necesarias para obter os certificados de profesionalidade centrados nas oportunidades de colocación desas zonas. Preténdese tamén facilitar o acceso aos cursos de maior inserción. 

Reforzarase tamén as aceleradoras de emprego, con 2 millóns, priorizando aos concellos que contan con menos recursos e deseñaranse programas integrados adaptados ás necesidades da zona. Así mesmo, investiranse 12,5 millóns de euros na posta en marcha de 70 obradoiros de emprego centrados no rural e cos que se prevé beneficiar a 1.400 persoas. Por último, impulsaranse os servizos de intermediación laboral con reforzo da Rede de orientadores de emprego no rural, a modernización das 36 oficinas de emprego do rural, ao tempo que cada concello do rural disporá dun orientador propio. En definitiva, o que se pretende con esta nova iniciativa do Goberno galego é a creación de máis de 600 novos emprendedores e que a Formación á porta chegue aos 140 concellos potencialmente beneficiarios.  Este programa enmárcase na Axenda 20 coa que o Goberno galego está a impulsar a posta en marcha de 80.000 novos empregos nos próximos 4 anos.

Laboratorios cooperativos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, porá en marcha no segundo semestre deste ano 6 laboratorios cooperativos no rural para impulsar a creación de empresas de economía social. A iniciativa, que forma parte do Programa de formación e emprendemento no rural, está dirixida a persoas desempregadas con preferencia para os colectivos que máis o precisan como son as mulleres, os menores de 30 anos, as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e unidades familiares con todos os seus membros en paro. A través destes laboratorios, a Xunta ofrecerá asesoramento para impulsar o emprendemento a 120 alumnos (uns 20 por cada laboratorio) para a posta en marcha de novos negocios no eido da economía social, un sector que en Galicia aglutina a 7.000 entidades e 320.000 persoas. Tras a fase da análise do potencial de implantación dun laboratorio, a convocatoria pública do programa e a selección de proxectos, levarase a cabo a identificación de oportunidades, a formación dos emprendedores, a aceleración dos seus proxectos e, por último, a súa consolidación. Das cooperativas que se creen ao final do proceso, polo menos unha por cada laboratorio, poderá optar a incentivos da Xunta para a súa constitución. O obxectivo é dinamizar a economía do rural galego e, polo tanto, fixar poboación. Os laboratorios ofrecerán asesoramento en creación de empresas e xestión de proxectos de economía social; formación no sector do proxecto que se quere lanzar; titorización sobre como elaborar a folla de ruta do plan de negocio; coaching de apoio en xestión de equipos; mentoring sobre oportunidades de negocio; asesoramento en mellora de procesos comerciais e apertura de novos mercados; comercialización e márketing; e apoio no acceso ao financiamento externo.

Te puede interesar