i+d+i

Empresas e centros de coñecemento van da man para innovar en Galicia

photo_camera Coas Unidades Mixtas búscase impulsar proxectos de innovación con impacto no mercado.

O Goberno galego aposta por Unidades Mixtas de Investigación que impulsan a transferencia de innovación ao tecido industrial e buscan a atracción de empresas a Galicia

A Xunta reforzará o programa de Unidades Mixtas de Investigación convocando a cuarta edición desta iniciativa á que destinará 5 millóns de euros en axudas públicas para o período 2017-2020, co que se prevé unha mobilización de 17 millóns e a xeración de 60 empregos cualificados. As axudas están dirixidas ás agrupacións entre un organismo de investigación e unha empresa privada para a creación ou consolidación de proxectos que permitan a realización de forma conxunta e coordinada de actividades de I+D+i. 

Polo tanto, trátase dunha iniciativa que favorece a cooperación entre as empresas e os centros de coñecemento. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para a que se poden presentar solicitudes ata o vindeiro 10 de xullo,  tamén busca o impulso da transferencia da I+D+i ao tecido industrial galego e a atracción de empresas foráneas á Comunidade (unha de cada tres unidades mixtas están constituídas por empresas con domicilio social fora de Galicia). Estímase que con esta nova convocatoria cada euro público acade activar 2,4 euros do sector privado e que se logre un compromiso a longo prazo das empresas con Galicia ao decidir desenvolver na Comunidade a súa I+D+i, xa que atopan os apoios necesarios para o desenvolvemento deste tipo de actividades. 

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3 coa que precisamente estase demostrando que as empresas atopan en Galicia un ecosistema de innovación atractivo para investir. 
Desde 2014, nas tres convocatorias anteriores deste programa, puxéronse en marcha 24 unidades mixtas grazas a un apoio público de 23 millóns, que mobilizou 84 millóns, e permitiu a creación de máis de 360 empregos de alta cualificación. Ata a data desenvolvéronse proxectos protagonizados por centros de coñecemento galegos e empresas líderes nos seus sectores como Gas Natural-Fenosa, Repsol,  Roche Farma, Coren, Navantia, Vulcano, Borgwarner, Calvo ou Jealsa Rianxeira.

Nesta nova convocatoria os requisitos principais para as unidades mixtas serán que as áreas de investigación estean aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades da Estratexia RIS3; ter unha duración mínima de 3 anos; estar localizadas en Galicia; e constituídas por un único organismo de investigación e unha única empresa. O organismo de investigación ten que ser galego ou ter un centro de traballo na Comunidade. Así mesmo, préstase especial atención a aqueles proxectos nos que participen pemes co obxecto de reforzar a competitividade do tecido empresarial galego.

A Xunta, con esta actuación, continúa apostando pola colaboración público-privada para impulsar proxectos de innovación con impacto no mercado. As unidades mixtas, neste senso, encádranse nun esquema de traballo similar ao do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Rozas. O programa é tamén un dos piares para a captación e retención de talento en Galicia sumándose así a outras iniciativas como os programas Principia e Oportunius.

Especialización intelixente
A iniciativa enmárcase na Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 que o Goberno galego está a desenvolver na súa aposta pola innovación como un dos piares do crecemento e a mellora competitiva do tecido produtivo galego, está a desenvolver a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia - RIS3. Esta estratexia está a mobilizar 786 millóns de euros en innovación desde a súa orixe no ano 2014 a partir dun investimento público de 429,3 millóns a través do que se concederon 1.700 axudas. 
O desenvolvemento da RIS3 está a permitir impulsar unha política galega de innovación sólida e eficiente, con capacidade para promover a competitividade empresarial, o crecemento económico e a creación de emprego estable. Así, a Estratexia susténtase no apoio ás pemes, na implicación do capital privado, na transferencia de resultados da investigación ao tecido empresarial e no emprendemento innovador.
Esta capacidade de mobilización de capital está sendo posible grazas ao esforzo investidor da Xunta e á solvencia das contas públicas galegas. Neste contexto, dos tres retos plantexados pola RIS3, a mellora da competitividade Industria 4.0 e a diversificación da industria (Reto 2) concentrou preto do 80% da mobilización de capital, preto de 565 millóns, en liña coa Axenda da Competitividade Galicia - Industria 4.0 coa que o Goberno galego, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, busca modernizar o tecido empresarial da comunidade. 

A xestión innovadora dos recursos naturais e culturais (Reto 1) concentrou o 13,5% dos fondos mobilizados, e o resto correspondeulle ao desenvolvemento dun novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo (Reto 3). Así mesmo, o apoio ás pequenas e medianas empresas é outro dos puntos destacados da Estratexia, acadando case a metade das axudas concedidas ao sector produtivo.  Deste xeito, facilítase a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial galego, conformado na súa maioría por pemes, ao tempo que se impulsa a mellora da súa competitividade e o crecemento da economía galega. Pola súa banda, cómpre salientar que as grandes empresas foron os axentes que demostraron unha maior capacidade mobilizadora de capital, de forma que por cada euro recibido en axudas públicas con cargo á RIS3 achegaron máis de 1,6 euros. En total, as axudas destinadas a empresas ascenderon a preto de 263 millóns de euros co que se mobilizaron preto de 560 millóns. En global, preto do 70% das axudas xestionadas polas administracións galega e estatal tivo como destinatario a empresas. 

Fondos Europeos
Os instrumentos activados contribuíron a mellorar a capacidade dos axentes do Sistema Galego de I+D+i para competir a nivel internacional. Así o demostra o nivel de captación de fondos procedentes do programa Horizonte 2020. Galicia, ademais, multiplicou por tres a porcentaxe de proxectos que lideran entidades galegas en relación co anterior programa europeo e en relación co orzamento europeo para I+D+i que se concedeu, Galicia dobrou a súa cota de fondos conseguidos. En concreto, o número total de axudas captadas por Galicia en Horizon 2020 sumaron 48,6 millóns, o que implica que se multiplicou por 2,4 o conseguido no anterior período. O Goberno galego prevé mobilizar 1.625 millóns ata 2020 con esta folla de ruta da innovación sustentada no apoio ás pemes, a implicación do capital privado, a transferencia de resultados e o emprendemento innovador. 

Te puede interesar