INDUSTRIA

Galicia busca facer da innovación a base do novo modelo industrial

20171110001854449_result

O Goberno galego pon en marcha a segunda edición do programa Fábrica Intelixente, incluído na iniciativa de Captación de Investimentos 4.0, co que a Xunta achegará 18,2 millóns de euros para facer da innovación a base do novo modelo industrial.

Vense de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a consulta ao mercado deste programa co obxectivo de recoller as manifestacións de interese para desenvolver en Galicia proxectos innovadores no eido da Industria 4.0 e, posteriormente, a principios de 2018 publicarase a convocatoria correspondente.

As principais novidades desta segunda convocatoria, coa que se prevé a mobilización de 60 millóns de euros, inclúen a posibilidade de que as pequenas empresas se poidan beneficiar deste programa que na primeira edición estaba destinado a grandes e medianas compañías. 
Por outra parte, ademais de proxectos de I+D, incorpóranse iniciativas ligadas á innovación. Tamén se poderán apoiar proxectos cun orzamento superior a 4 millóns de euros -no lugar dos 20 millóns da primeira edición-. Con todas estas novas medidas o obxectivo é gañar tanto en simplificación como en versatilidade -logo de valorar os resultados da iniciativa ata o momento- para adaptar o apoio público ás necesidades dos sectores tractores galegos e mellorar o seu impacto na economía galega.

Poderán beneficiarse desta liña de axudas proxectos individuais ou en cooperación entre empresas e organismos de investigación e a intensidade dos apoios situarase entre o 25 e o 80% do seu orzamento segundo o tipo de proxecto e empresa.

A primeira convocatoria resolveuse coa concesión de case 60 millóns de euros en axudas a Televés e PSA Citroën-CTAG que teñen previsto mobilizar 168 millóns e permiten o mantemento e creación de 600 empregos co compromiso de desenvolver en Galicia a fase de industrialización ademais do proxecto tecnolóxico.

Este programa busca facer de Galicia unha contorna atractiva para o investimento privado da I+D+i e contribuirá de xeito decisivo a acadar os obxectivos principais establecidos na Axenda Industria 4.0, como a creación de novos postos de traballo cualificados e o aumento do peso da actividade industrial sobre o PIB galego.

Máis de 500 proxectos apoiados a través da Rede de Aceleradoras
 

No impulso ao ecosistema innovador en Galicia xoga un papel imprescindible a Rede de Aceleradoras de Galicia, a través da cal a Xunta leva mobilizados 17 millóns de euros en máis de 500 proxectos. 

Nesta rede enmárcanse iniciativas como ViaGalicia, en colaboración coa Zona Franca,  a iniciativa Connecting for Good Galicia, xunto con Vodafone; o programa Galicia Open Future, con Telefónica; e colabórase con PSA e Ceaga, na Business Factory Auto de Vigo, entre outros. Tamén están en marcha 6 novas aceleradoras centradas en proxectos de I+D+i apoiados desde o ámbito privado.

Forman parte tamén desta Rede os distintos espazos coworking impulsados mediante a colaboración aberta entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI), nos que un total de 174 emprendedores que impulsan 165 novos proxectos empresariais están a ser acelerados nestes momentos. 

Esta iniciativa, a través da cal os emprendedores participan en actividades de formación, asesoramento e titoría, desenvólvese na súa segunda convocatoria en espazos cedidos polos concellos ou pola propia Xunta en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Mondoñedo, Monforte de Lemos, e Celanova, ademais de en Santiago (centrada nas industrias culturais), San Cibrao das Viñas (específico para o forestal e a madeira) e Vilanova de Arousa (Alimentación/turismo).

Esta aposta polo emprendemento súmase á correspondente á primeira edición, que remataron 139 emprendedores con 119 proxectos que, na maioría dos casos, xa son empresas en funcionamento.
Os emprendedores participantes reciben durante cinco meses formación, titorías e asesoramento personalizado para a aceleración dos proxectos, así como facilidades para o acceso aos medios necesarios para desenvolver as súas ideas de negocio. 

O obxectivo prioritario das iniciativas de coworking é acelerar os procesos de maduración, implantación e desenvolvemento de proxectos empresariais, así como a creación de emprego sobre o territorio, incrementando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

Tamén forma parte da Rede de Aceleradoras de Galicia Agrobiotech Innovación, que conta coa colaboración do Parque Tecnolóxico de Galicia- Tecnópole. Esta iniciativa foi posta en marcha en 2015 pola Axencia Galega de Innovación co obxectivo de incrementar o nivel de excelencia de pemes innovadoras galegas que amosan potencial de crecemento e que están centradas en sectores priorizados pola Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), en concreto: biotecnoloxía, agroalimentación e biomasa.

Na primeira edición da aceleradora de innovación participaron 11 pemes galegas. A maioría delas experimentaron un importante crecemento reflectido xeralmente nun incremento da súa facturación e creación de emprego. De feito, produciuse un incremento medio da facturación dos participantes dun 4% e creáronse máis de 70 postos de traballo. 

Ademais, os participantes acadaron un maior grao de internacionalización, representado nalgúns casos por un marcado aumento das súas exportacións ou polo establecemento de acordos comerciais e accións de promoción no exterior. Algúns socios conseguiron  importantes avances no ámbito do liderado de produto, mentres que outros deron os seus primeiros pasos no programa europeo Horizon2020 ou lograron importantes acordos e colaboracións, tanto a nivel nacional como internacional. Colocaron 60 novos produtos no mercado europeo, e 50 no mercado global. 

Na segunda edición, xa en marcha, participan dez pemes innovadoras das catro provincias galegas. O programa ofrece un plan de traballo á medida das necesidades das pemes seleccionadas en catro ámbitos: excelencia operativa e innovación aberta; financiamento de proxectos europeos H2020; liderado de produto; e comercialización e internacionalización. Ademais das actividades realizadas no itinerario principal, o programa ofrece actividades de capacitación complementarias e eventos especializados.

Te puede interesar