EMPREGO

A mocidade do rural galego pode acceder á nova formación á porta

Ourense. 25-05-17. Local. Obradoiro de búsqueda de emprego na Molinera.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera A formación centrarase nas actividades con maiores índices de inserción laboral e no uso das novas tecnoloxías, axustándose ás necesidades do tecido empresarial.

Os cursos para desempregados achegaranse este ano aos concellos menos poboados de Galicia que non contan con centros homologados para impartir a formación que cada ano financia a Administración autonómica.

Formación á porta é unha nova modalidade que se impartirá en 28 concellos do rural galego a través de centros móbiles ou lugares habilitados polos concellos participantes. 

Esta medida, que pon en marcha a Xunta, enmárcase no Plan de formación e emprendemento no rural co que se busca fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes. Do que se trata é de acercar a formación ao territorio, crear emprego estable e fixar poboación no rural. A  Administración autonómica prevé formar con esta modalidade a máis de 500 mozos e mozas menores de 30 anos a través de 34 cursos. 

Os alumnos e alumnas recibirán, ao rematar o curso, un certificado de profesionalidade con validez en toda España. As accións formativas centraranse en actividades con maiores índices de inserción laboral e o uso de novas tecnoloxías, axustándose ás necesidades do tecido empresarial de cada zona. 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia esta formación con axudas que van dirixidas a empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos. 
A convocatoria, que vén de resolverse, ten un carácter bianual para favorecer a realización de cursos máis complexos e cun maior período de duración. Polo tanto, a cualificación será máis completa e ofrecerá, deste xeito, maiores oportunidades laborais e máis capacitación aos participantes. 

Esta iniciativa forma parte dun plan pioneiro que a Xunta puxo en marcha este ano para formar a menores de 30 anos sen emprego. En global, este plan conta cun orzamento de 4,3 millóns de euros para beneficiar a 1.440 mozos e mozas a través de 96 cursos, entre os que se inclúen os 34 coa modalidade de Formación á porta, que se desenvolverán entre este ano e o próximo. 

Do que se trata é de seguir impulsando o emprego entre a mocidade, un colectivo no que nos últimos anos se reduciu o paro. Así, desde abril de 2009 caeu en máis da metade       (-50,6%), subindo no último ano a contratación indefinida nun 18,38%. A Xunta ten na formación unha ferramenta fundamental para impulsar entre os máis novos o seu acceso ao mercado laboral. 

Garantía xuvenil 
O Goberno galego, mediante o Sistema de Garantía Xuvenil, favorece o acceso ao mundo laboral dos mozos e mozas a través de catro eixos principais: a mellora da intermediación, da empregabilidade, incentivos á contratación e o fomento do emprendemento. Para apoiar á mocidade, a Xunta está a investir este ano 40 millóns de euros para formación, contratación e emprendemento. 

Entre os programas que está levando a cabo destaca Emprega Xuventude, unha experiencia piloto destinada principalmente aos profesionais que requiren a Industria 4.0 e o sector agroalimentario e que o próximo ano estenderase ao resto de sectores produtivos. Trátase dun bono de 7000 euros para que as empresas destes ámbitos formen e contraten a 500 mozos e mozas.  Outros plans postos en marcha para os máis novos son os obradoiros de emprego. Na actualidade están en marcha un total de 24 programas mixtos de formación e emprego nos que participan preto de 500 menores de 30 anos que contan cun contrato laboral. 

REFORZO AOS SERVIZOS DE ORIENTACIÓN LABORAL

Tamén no ámbito do emprego, a Xunta inviste 10,5 millóns de euros en reforzar o servizo galego de orientación laboral a través da contratación de 385 técnicos que axudarán ás persoas sen emprego a mellorar as súas oportunidades laborais, co obxectivo de que poidan insertarse no mercado de traballo o antes posible e nunhas condicións axeitadas ao seu perfil profesional.

O Goberno galego, por unha banda, contratará cun orzamento de 4,6 millóns de euros a 130 novos profesionais que traballarán en 53 oficinas de emprego para prestar especial atención aos parados de longa duración. É unha medida que forma parte do reforzo que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está acometendo no Servizo Público de Emprego de Galicia. 

Estes 130 novos profesionais, que se suman aos 138 que xa traballan nas oficinas de emprego, incorporaranse proximamente o seu novo labor unha vez que rematen a formación específica, tanto teórica como práctica, que recibirán a partir da semana que vén no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG). 

Doutra banda, a Administración autonómica acaba de resolver as axudas destinadas a concellos e entidades sen ánimo de lucro para a contratación ou renovación de orientadores laborais. Deste xeito, a Xunta apoia con máis de 2,4 millóns de euros a contratación de 103 técnicos en 89 concellos e destina 3,5 millóns para 152 orientadores en 32 entidades sen ánimo de lucro. 

En total, o servizo de orientación laboral de Galicia está composto por máis de 520 técnicos que actúan como titores personalizados de cada persoa desempregada.

Desenvolven, entre outras funcións, entrevistas persoais, elaboran perfís individualizados coa identificación de oportunidades profesionais e realizan un seguimento de cada persoa. 

Os orientadores facilítanlles ás persoas desempregadas información actualizada sobre o mercado de traballo, sobre accións de formación profesional para o emprego e o proceso de recoñecemento da experiencia laboral coas que poden mellorar a súa cualificación. Así mesmo, elaboran diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados, que obteñen un itinerario personalizado de emprego para a súa posterior inserción laboral.

O servizo tamén está enfocado ás empresas, xa que os traballadores desta rede especializada na orientación contactan coas firmas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das súas necesidades, ao tempo que lles informan sobre os diferentes incentivos cos que conta a Administración autonómica para a contratación. 

O Goberno galego pretende con esta actuación incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, prestando especial atención aos colectivos con dificultades de inserción a través de accións de atención constante e especializada en orientación profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego. 
 

Te puede interesar